Tomiño/PSdeG-PSOE | O pasado 21 de setembro, no Concello de Tomiño, celebrouse sesión plenaria ordinaria, un pleno que non correspondía no tempo, pero que o Goberno Municipal convocou, supoñemos que o motivo foi a urxencia, para o propio Goberno, que tiñan algúns dos puntos a tratar.
As socialistas votamos a favor das propostas de Alcaldía para aprobar unha auditoría da
empresa Aqualia, responsable do abastecemento de auga municipal así como da aprobación inicial da ordenanza fiscal das taxas de abastecemento e saneamento, pois entendemos que é beneficioso para a veciñanza.
O Goberno nacionalista presentou de novo unha modificación de créditos. A número 10 no
que vai de ano. As socialistas afeáronlle ese afán por ser os primeiros na contorna en
aprobar o orzamento xeral , cando ese orzamento, ano tras ano, é absolutamente
insuficiente mesmo para garantir o gasto corrente das diferentes partidas, o que, na opinión do grupo municipal socialista é un claro exemplo de mala xestión.
Outro dos puntos da orde do día foi a aprobación definitiva da Conta Xeral 2022. As
concelleiras socialistas, Mirta Misa e Violeta de Santiago votaron en contra ao igual que o
fixeron na Comisión de Contas e na aprobación inicial . “Non podemos votar a favor dunha conta Xeral cando se presentan innumerables reparos de intervención, a maioría deles por incumprimento da Lei de contratos públicos. De maneira sistemática e reiterada, licitando e adxudicando obras e servizos sen ser sometidas a concurso público como establece a propia Lei. Cando se cometen ilegalidades como esta, a sabendas que se están a cometer, ten un nome, chámase prevaricación!!! E nos non imos amparar a comisión dun delito”.