Ninguén sabe como virá este novo ano. O futuro que, ben sabemos non existe, vén vindo e dándonos sorpresas no imprevisible. Nos desexos expresamos sempre optimismo, mais visto o visto as cousas resultan case sempre incertas e duras. Só hai que mirar ao redor e ver, percibir os aconteceres e a nosa pasividade que se suma á pasividade dos que teñen responsabilidade.
As políticas migratorias son de vergoña, propia e allea. Mesmo nas democracias, onde din que aplican suaves medidas e veñen sendo políticas moi restritivas que conculcan os dereitos humanos máis básicos. A dereita fala de abuso e do asolagamento social, por riba engaden que toda esa xente son a orixe de todos os males, que fai falla man dura e políticas que pechen “a invasión”. Un para a pensar e dáse conta da falta de todo que temos, mesmo de memoria. De cando nós emigramos e fomos acollidos en tantos sitios, precisamente nós que estamos por todo lugar por remoto que pareza, aínda hoxe.
Pensando con sosego e poñendo as cousas no seu sitio, hai que dicir que non é certo ese postulado invasor, ben o saben. Pero tamén saben que así van alimentando odios, fomentando medos e creando inestables condicións para convencer a tanta xente crédula que vive á defensiva e que, ao escoitar tamaña mentira, vótaos incautos nese exceso de prudencia e no medio deste caos que nos abate. Si, caos de guerras, grandes guerras, nas que se fai evidente o exceso de forzas animadoras e a falta de humanidade, que cos odios sementados alentan a súa continuidade directa ou indirectamente, vendendo armas, patrullando os arredores, mandando operativos e informacións sensibles, instruíndo soldados, …esas cousas colaterais!
Todo isto no medio das enormes desigualdades que ninguén quere ver, desigualdades e violencias en grao superlativo que aproveitan os mandatarios de calquera lugar para esconder as súas leis inxustas, que reducen dereitos de todo tipo, que anulan o amparo social e público, privatizando servizos, afogando cambios tan profundos que sabemos xerarán máis pobreza e desigualdade, máis conflitividade xa na fame e na miseria.
Iso sucede no mundo pero aquí, en Galiza, teremos eleccións para febreiro e cun balance insatisfeito no medio dun campo de minas. Sempre que pasa igual, pasa o mesmo, dicía un que chamaban tolo! Veñen ameazando os nosos recursos, veñen coma sempre con falsas promesas que sempre incumpriron, veñen con minas e macro-eólicos, lodos contaminados que se amparan en montes de concellos cómplices, contaminación, falta de rigor e de saber, de non pensar no mañá, no hoxe da desfeita e da despoboación do rural, na eucaliptización absoluta da paisaxe, esa que nos nega as fragas e carballeiras, os soutos, a beleza e a vida.
“Aquí, en Galiza, teremos eleccións para febreiro e cun balance insatisfeito no medio dun campo de minas”
Seguimos a termar do tema vergoñento da Nosa Lingua, asegundada por outros idiomas, condicionada en leis desequilibradas e inxustas. Todos son cómplices desta desfeita, deste silenzo no que nos imos sumindo e perdendo. Esta é a inxusta condición da Lingua, da Cultura, moi ben condimentada polos que pagan e subvencionan, os que dirixen e proclaman.
Para toda a xente que sufrimos esta humillación, esta inxusta reacción case vingativa que cae sobre nós como unha maldición para silenciarnos, non nos chegan os silenzos dos que din representarnos, nin que miren para outro lado, nin que se digan e desdigan en eufemismos e pancartas.
O do idioma é sagrado e non cabe máis espera. Xa pasou moito tempo e cómpre adiantar, chantarse para que se poña orde e se faga Xustiza. Non nos poden expropiar a alma nin privatizar o corazón. Non podemos permitir que nos desfagan e pasemos a ser esas catro provincias da esquina, non somos números de cotización na beira do mapa!.