Este mundo lastrado por guerras e militarismo in crescendo apréstase a presenciar un novo Mundial de Fútbol, neste caso en Qatar. Un evento que normalmente paraliza ao planeta, sorte de distración que provoca o deporte máis popular e lucrativo do mundo, pero que hoxe observa outras realidades.
Este Mundial de Qatar é atípico. Primeiro, polo país organizador, sen tradición futbolística pero berce dos petrodólares que dominan o fútbol global. Con todo, no debemos pasar por alto que será o primeiro país árabe en organizar este torneo, algo de por si histórico.
E igualmente será o primeiro Mundial que se realizará en época invernal, do 20 de novembro ao 18 de decembro. Invernal no hemisferio occidental menos no Cono Sur, que estará en épocas estivais. Porque en xuño e xullo, cando tradicionalmente se realizan os Mundiais, o clima qatarí é sumamente caluroso, insano para a práctica futbolística nun pais desértico. Estes cambios de calendario obrigan igualmente a alterar o ritmo tradicional de competicións futbolísticas a nivel internacional.
“Pero é tamén atípico polas polémicas. Qatar non é precisamente un país líder en defensa dos dereitos humanos”
Pero é tamén atípico polas polémicas. Qatar non é precisamente un país líder en defensa dos dereitos humanos. Todo o contrario. Exfutbolistas como Eric Cantona e Philip Lahm, este último capitán da selección alemá campiona do mundo en 2014, criticaron con dureza a celebración deste Mundial nun país onde os dereitos laborais, das mulleres e das minorías sexuais son pisoteados toda vez a FIFA precisa deses petrodólares para seguir manexando o gran negocio do fútbol. Pero iso non evita as mensaxes reivindicativas. Non é casual que, por exemplo, a selección inglesa anunciara que xogará este torneo portando brazaletes alusivos ao movemento LGTBIi.
É tamén un Mundial atípico tamén porque unha selección, Rusia, foi previamente vetada de participar por unha guerra. Fútbol e política sempre estiveron presentes, moitas veces da man e conformando unha especie de simbosis. En canto á politización dos Mundiais, lembramos o de Italia 1934, monopolizado polo fascismo de Mussolini como proxecto político. Ou o de Arxentina 1978, celebrado en medio da feroz represión e de desaparecidos da ditadura de Videla. Se ben con menos incidencia se comparamos con estes exemplos anteriormente descritos, Qatar vén a lembrarnos que a política sempre está presente nun deporte de masas como o fútbol.
Precisamente polo atípico observo que o entusiasmo global por este torneo, desta vez, non é o mesmo que o vivido coas edicións anteriores. Non hai a mesma pasión, a ilusión por volver a vivir un Mundial que paraliza ao mundo durante un mes. Pode igualmente influír neste clima de certo desalento o mundo violento en transformación que vivimos, cunha guerra en pleno desenvolmento (Ucraína), outros focos alarmantes (Taiwán, península coreana) e os ventos dunha recesión económica global en camiño.
Pero non esquezamos que o fútbol é un deporte e que sempre é tamén unha válvula de distración, principalmente en tempos críticos como o actual. E que temos tamén que falar de fútbol porque, precisamente, estamos ante a máxima competencia por excelencia.
Favoritos para ser o vindeiro campión do Mundo? Vexo a Arxentina e Brasil. Creo que este Mundial irá a Sudamérica. Francia, a actual campioa, está ao meu entender nun final de ciclo. Non vexo que os galos renoven o título conquistado en Rusia 2018. Bélxica e Inglaterra poden ser algunhas alternativas interesantes. Alemaña e España están en transición xeracional. Uruguai, Croacia, Países Baixos, Senegal… poden ser algunhas sorpresas que sempre saen. Mención especial a ausencia de Italia, por segunda vez eliminada de participar nos Mundiais, algo igualmente atípico a pesar de ser a actual campioa de Europa.
“Estamos preparados para este Mundial atípico?”
Volve o Mundial, si. A festa futbolística por excelencia. E volve tamén para distraer a un mundo conmocionado. Pero, estamos preparados para este Mundial atípico?