Tui | “Que a vergoña cambie de lado. A nosa voz, contra as violencias machistas!” é o lema co que o Concello de Tui vai conmemorar este ano o 25N, o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Nas dúas próximas semanas vaise desenvolver un amplo programa de actividades reivindicativas, formativas, e de reflexión. Nas mesmas vai participar a comunidade educativa tudense, xunto a entidades feministas, corpos de seguridade, institucións, profesionais da cultura, entre outros.
A programación deste ano parte precisamente do lema “Que a vergoña cambie de lado” pronunciado pola pola francesa Gisèle Pelicot, o pasado mes de setembro no xuízo dun dos casos máis relevantes e mediáticos dos últimos tempos. Pelicot alzou a súa voz, renunciando ao seu dereito ao anonimato e realizando unha das denuncias máis duras contra as violencias machistas, para que o seu caso poida ser exemplo para moitas outras vítimas, nun berro de reivindicación poñendo o foco na xustiza social e na necesidade de apoio ás mulleres que deciden denunciar, a pesar da “vergoña”, do cuestionamento público e da estigma social de por vida, co que inxustamente asumen que van a cargar. O mesmo é aplicable a nivel nacional e galego.
A programación do 25N comezará o próximo mércores, 20 de novembro, ás 19 h, no edificio Francisco Sánchez, coa actriz Arantxa Treus e a divulgadora científica Leticia Costas coa charla en clave de humor “A ciencia da adolescencia”.
Amais os martes 19 e 26 desenvolverase a formación para axentes que interveñen na loita contra a violencia machista e na promoción da igualdade co obxectivo de avanzar na constitución da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero.
O luns 25 de novembro, será o día central destra programación con dobre acto reivindicativo. Ás 11.30 h na praza de San Fernando desenvolverase un acto colectivo e participativo en colaboración coa comunidade educativa do municipio e no que participarán tamén a poeta Yolanda Castaño, a cantante Wöyza, e a bailarina Yara Juncal. Froito do programa “Boas Vibes” desenvolvido nas últimas semanas presentarase unha creación artística para promover a igualdade. Haberá ao longo de todo o acto unha acción performativa do alumnado do CEIP nº 1, e o alumnado dos centros educativos darán lectura aos manifestos do 25N.
Xa pola tarde, ás 18 h na praza do Concello celebrarase o acto institucional no que a escritora Rexina Vega dará lectura ao manifesto e se contará coa performance “Non violarás” de Neves Seara e Catuxa Salom.
O mércores 27 ás 19 h no edificio Francisco Sánchez presentarase o libros “Os anos tranquilos” de Llerena Perozo.
Por outra parte o sábado 30 no Mercado de San Antonio desenvolverase a Performance “Corazón” de Iria Sobrado.
Xunto a estas actividades desenvolveranse tamén outras iniciativas coma programas formativos e charlas informativas en centros educativos nunha clara aposta polo traballo dende a base e as novas xeracións. Dende o próximo luns 18 e até o mércores 27 a Radio Municipal de Tui contará tamén na súa programación matinal cun espazo dedicado ao 25N coa presenza de diversas persoas expertas nas que se abordará dende a educación, as axudas, as actividades previstas…
Exitosa exhibición da mostra “Estampa Popular Galega
A “A exposición secuestrada. Estampa Popular Galega, Tui-1968” inaugurada o pasado 27 de setembro na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui foi clausurada este sábado 16 de novembro, logo dunha excelente acollida tanto por parte do público como polos medios de comunicación.
A Estampa Popular Galega, EPG, foi un movemento artístico de vangarda creado en Galicia no ano 1968 onde se agrupaban un grupo de pintoras e pintores descontentos co réxime franquista e que como norte teórico tiñan a intención de “achegar a arte ao pobo”. Encabezados por Raimundo Patiño e Xavier Pousa, optaron por expoñer a súa obra en lugares populares como feiras, bares ou tabernas sempre en forma de gravados e con prezos populares. A EPG seguía a estela dunha serie de movementos semellantes que se desenvolveron por toda España desde 1959 e que estiveron sempre impulsados por artistas que se movían dentro da oposición á ditadura franquista.
Esta mostra, comisariada por Xosé Enrique Acuña, é froito da colaboración entre o Concello de Tui e Fundación Xavier Pousa e serve para recuperar a memoria da exposición de 1968 pero especialmente para reivindicar o movemento de “Estampa Popular Galega” ata agora practicamente esquecido no panorama artístico de Galicia. Desde o Concello de Tui a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente Solla, sinala que con esta exposición amais da recuperación da memoria democrática local preténdese especialmente restituír e homenaxear a este movemento artístico e social de Estampa Popular Galega “como recoñecemento aos homes e mulleres que promoveron, en tempos de limitacións das liberdades políticas e sociais, a chegada de novos aires que invitaban a olladas diferentes, á frescura da creación artística, o rexurdimento da vida social e así rachar coa estreiteza e escuridade á que o franquismo nos tiña condenados”.