Que che vaia ben, 2024.

A punto de rematar o ano véxome diante dunha pantalla en branco tentando bosquexar unhas breves ideas que resuman o pasado recente.

Acábase un ano que mellor esquecer. Guerras, danas e políticos que só saben insultar sen propoñer, descualificar sen aportar nada novo, que nos poida servir para unha vida máis tranquila e satisfeita.

O mundo que nos rodea sofre unha serie de obstáculos que non lle permiten desenvolver todas as potencialidades de que dispón. Millóns de seres humanos están vivindo na miseria mentres un reducido número de individuos ve aumentar de xeito noxento os seus ingresos en miles de millóns diarios. Preguntámonos como poder ser isto posible.

“O mundo que nos rodea sofre unha serie de obstáculos que non lle permiten desenvolver todas as potencialidades de que dispón”

Como podemos quedarnos de brazos caídos diante destas inxustizas? Todo o confiamos ás institucións democráticas que dicimos posuír. Sen que isto sexa mentira, tamén sabemos que as institucións por si soas non son quen de deter os intentos de certas formacións políticas. Estas pretenden abducirnos para que pensemos que todo se fai democraticamente cando, en realidade, o que se está facendo é baixo unha pátina de verdade, camuflar intentos autócratas que rematen coas institucións actualmente instauradas para defendernos dos cantos de serea antidemocráticos.

Ben é certo que non son estes os tempos para falar destas cousas tan serias das que dependen as nosas vidas e as das xeracións vindeiras. Pero non quería deixar pasar a oportunidade para alertar aos lectores deste humilde editorial cando estamos a punto de entrar nun novo ano.

Debería falarlles do espectáculo indignante que presenciamos cada día asistindo ás sesións do Parlamento. Ou das declaracións de certos políticos que consideran aos cidadáns moeda de cambio para conseguir os seus fins…que por certo, nada teñen que ver coa felicidade da cidadanía.

Pero hoxe non vou molestalos máis cas miñas preocupacións. Tenten pasar ao novo ano nos novos folgos e coa intencionalidade de ser felices o vindeiro ano a pesares de todos os atrancos que a vida nos pon no camiño.

Bo Nadal e Feliz aninovo a todos/as.

 

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.