A UE, concibida e construída a partir de 1950 como un espazo de paz, convivencia y estabilidade, entra neste 2025 na discusión sobre o seu rearme e a súa capacidade defensiva. De “territorio de paz” pretende súbitamente posicionarse como actor de guerra. A “ameaza rusa” trala invasión de Ucraína e o desinterese de Trump en seguir prestando axuda militar incluso vía OTAN son os argumentos máis utilizados polos líderes europeos para xustificar o rearme.
Pode que en Bruxelas, as elites europeístas, tan acomodadas no seu espazo de confort, comecen a decatarse da realidade do mundo no que vivimos, onde a carreira armamentista condiciona e presaxia un cambio tectónico nos equilibrios xeopolíticos globais así como nos programas de desenvolvemento e nas iniciativas tecnolóxicas. Todas elas variables nas que Europa aínda non está á altura de EEUU, China ou Rusia.
En España observamos un áspero debate parlamentario sobre o Plan de Defensa presentado polo presidente de goberno Pedro Sánchez, moi seguramente un calco do enviado dende Bruxelas pola todopoderosa presidenta da Comisión Europea, Úrsula von der Leyen, xunto co presidente francés Emmanuel Macron a máis entusiasta impulsora desta carreira armamentista. Dende a coalición de goberno na Moncloa, específicamente Sumar e BNG, non só rexeitan este gasto militar senón que piden claramente a saída española da OTAN.
Simultaneamente en Madrid se celebraba un Foro sobre a Defensa na que un experto informaba que Rusia “produce en tres meses máis artillería que Europa e EEUU xuntas durante un ano”. Mais aló de se esta revelación é completamente fidedigna hai un feito indiscutible: Rusia está militarmente máis preparada, básicamente polo seu poderío nuclear e unha serie de recursos militares, industriais e humanos concentrados na súa defensa e seguridade nacional.
“A diferencia de Europa, o Kremlin non ten problemas para aprobar calquer tipo de gasto militar: se agarda que para este 2025, Moscova aumente un 13,5% o seu gasto en armamentos”
A diferencia de Europa, o Kremlin non ten problemas para aprobar calquer tipo de gasto militar: se agarda que para este 2025, Moscova aumente un 13,5% o seu gasto en armamentos. En China pasa o mesmo: o presidente Xi Jinping anunciou un aumento do 7% en defensa para este ano. Alén da OTAN, a nivel europeo só Francia e Gran Bretaña, por ser potencias nucleares cun importante conglomerado militar-industrial, teñen esa capacidade de defensa contra unha ameaza exterior. Ese mesmo complexo militar-industrial francés e británico precisa ampliar a súa carteira de clientes e o rearme contra a “ameaza rusa” propicia esa expectativa. Por outra banda, este contexto actual de remilitarizacion alienta a outros actores como Polonia, cada vez máis estratéxica para a defensa europea e atlantista.
Agora ben, que lle espera á Europa da Defensa? Quizáis aquí deberíamos analizar dúas variables hipotéticas: unha que podería denominarse como o “inimigo conveniente”; e outra, as “expectativas de conflito”.
Que significa un “inimigo conveniente”? Como fora no caso da URSS durante a “guerra fría”, supón un actor estatal que controla políticamente con firmeza un territorio vasto, con notables capacidades militares, económicas, tecnolóxicas, de recursos humanos e naturais para ser considerado ben como un rival potente, ben como unha “ameaza”. Para Occidente, Rusia e China entran claramente nestes parámetros sen menoscabar que outros actores de menor rango como Irán e Corea do Norte poden igualmente ser incluídos nesta lista.
A hipótese do “inimigo conveniente” lévanos á segunda variable, as “expectativas de confito”. A capacidade de ameaza dese “inimigo” supón inmediatos escenarios de tensión permanente con capacidade suficiente para converterse nun conflito armado. No caso de Rusia, eses escenarios serían Ucraína, Polonia e os países bálticos (membros da UE e da OTAN), o enclave de Transnistria dentro de Moldavia, o control ruso do Mar Negro como paso ao Mediterráneo e o Cáucaso, actualmente “pacificado” para os intereses rusos. Para China, eses escenarios serían Taiwán, o sueste asiático, as controversias soberanistas no Mar de China Meridional, Xapón, a península coreana e Asia Oriental. Todos estes escenarios suponen conflitos potenciais onde se porán a proba esas hipóteses do “inimigo conveniente” e das “expectativas de conflito” que, como no caso da “guerra fría”, pode que nunca chegue a materializarse.
Para non perder o equilibrio militar, as elites europeas precisan xustificar ese gasto militar condicionando á poboación a seguir ese esforzo e incluso atizando o medo social. A Comisión Europea xa anunciou un kit de supervivencia para a cidadanía en caso de emerxencia por “crise bélica ou desastre natural”.
“Para non perder o equilibrio militar, as elites europeas precisan xustificar ese gasto militar condicionando á poboación a seguir ese esforzo e incluso atizando o medo social”
Dende Bruxelas, Úrsula von der Leyen ansía unha Europa militarmente potente para o 2030. Rusia pretende precisamente para ese ano consolidar un gasto en defensa de aproximadamente o 25% do seu Orzamento Estatal. Moscova está agrupando recursos e planificando estratexicamente esta aspiración. Por certo, Rusia concibe o contexto actual cos mesmos parámetros de “ameaza” contra a súa seguridade por parte da OTAN e agora da propia UE. E China comeza a fomentar igualmente esa idea co respecto a Taiwán.
Con este panorama, o 2025 anuncia o final da UE tal e como víñamos coñecendo ata agora. Bruxelas observa imprescindible reagrupar todo tipo de variables militares, políticas, tecnolóxicas, científicas, económicas e incluso de formación académica para alcanzar a “autonomía estratéxica” en materia defensiva. Benvidos por tanto a estes novos tempos de “rearme” que algúns expertos cualifican como “post-normais”, que require anticipación para acometer escenarios volátiles e de incertidumbre.