Que doado é destruír.

Temos a sensación de estar en caída libre, no repaso desa indignación pasiva que se foi acumulando silandeira e que permite, polo que se vai vendo, que os pensamentos extremos e antidemocráticos tamén teñan aquí cabida. Fanse ver por medio de enganos e postulados fascistas que emerxen novamente perturbando o encontro das diversidades, coas súas discusións e leas, buscas de entendemento, ese que ás veces tan limitado que nos habita.

Si, saen dese fondo escuro que pensabamos esquecido e morto. Xorden satélites e visionarios da pólvora cos seus esperpentos anti-todo, mesmo antisociais para desfacer e dividir, para corromper. Queren presentarnos os seus pensamentos xa demostrados baleiros e corruptos, na imposición e sen fundamento veraz.

O peor de todo é que teñen quen lles atende e escoita, quen se deixa levar dos cantos de serea. Persoas cansas deste deambular político que non sabe protexer aos colectivos sociais máis deprimidos, con audacia e valentía, sen atender voces que desestimen a idea de corrixir os males que nos envolven.

Normalmente estamos envoltos en leis e burocracias de fastío, incapaces de saír, neste tempo crítico e absolutamente perdido, das compensacións, distraídos das curas necesarias e do sentido común, tan necesario como ausente. Papeis e normas, orde e contraorde, falta de estímulos que se foron perdendo entre festas e celebracións que ocultan enganos, cos certificados dos certificados, as mentiras e ofensas de galería no medio de frases lapidarias e de salón.

Están aí, xa os vemos como se multiplican. Son como unha praga que se estende. Aí está o triunfo da ultradereita e dos xenófobos. Algo que parecía imposible, despois das que fixeron e que aínda ecoan no ar, nunha nube negra de ignominia que imposibilita a nosa recuperación na cordura. Si, é tan difícil construír! E veñen cunha onda de neofascismo que inclúe o insulto e mala educación, provocando e coas súas singulares probas de poder para acabar con todo, violentamente, ofendendo constantemente e creando novos cadros de candidatos.

“Que doado é destruír. Ese é un mal que é consecuente coa falta de memoria”

Que doado é destruír. Ese é un mal que é consecuente coa falta de memoria. Todo isto pasa por culpa de non lembrar, de desfacerse dos datos que a nunca incontada historia podía deixar como aprendizaxe de relevante necesidade. Así imos, vendo como imposibilitan o diálogo das outras forzas nos parlamentos, creando inimizades, envexas, imposibilitando desde os escanos calquera signo de boa práctica ou educación.

Xogan a ese patriotismo aparente que está lonxe da exemplaridade, ese que a eles mesmos lles paga moito a pena -en estímulos pecuniarios- pero que nega a participación e igualdade, ese que se alimenta de culpables nos demais grupos da oposición, ese que chega a amosarse neutral ou contrario mesmo nos casos evidentes de verdugos e vítimas, nesa cultura anti-humanista de ordenar clasificando, esa que se alimenta dos fracasos e da incapacidade previa en casos novos e extremos. Son anti-europeístas e homófobos, contrarios á democracia e ao recoñecemento dos pobos, mesmo anti autonomistas e anti toda orde de igualdade e xustiza social. Son inimigos dos inmigrantes e alimentan sempre a violencia de xénero. Con toda a cara.

Pois están aí, e gañan eleccións e teñen moita xente convencida, exércitos con proclamas de violencia, veñen para fragmentarnos aos que non pensamos coma eles, dividirnos para ameazar e convulsionar esta sociedade que comezaba quizais a andar buscando a luz.