Que Rusia atacaría Ucraína xa o predixo na década dos oitenta Polansky y El Ardor na canción que ten o mesmo título que este artigo. O verso “No, no, no, no, no tengo novia y no me mola el Pacto de Varsovia” é unha clara alusión ao abandono dunha Europa que se lamenta da soidade na que se atopa trala infidelidade da súa moza americana, que para máis escarnio decidiu comezar unha nova relación con Rusia, a súa peor inimiga e artífice do Pacto de Varsovia.
Europa, desconcertada pola ruptura da súa parella, coa que xa cumplira as vodas de ouro hai tempo, acaba de aconsellar, para asegurar a vida dos seus cidadáns, a compra dun kit para sobrevivir tres días en caso de que se desate un conflito armado. O tempo que nos dan para conseguir os utensilios vannos aproveitar eles para pensar nas medidas de máis calado.
“Europa, desconcertada pola ruptura da súa parella, coa que xa cumplira as vodas de ouro hai tempo, acaba de aconsellar, para asegurar a vida dos seus cidadáns, a compra dun kit para sobrevivir tres días en caso de que se desate un conflito armado”
O medio elixido para difundir a recomendación foi a gravación dun vídeo, protagonizado pola comisaria europea de emerxencias, que non sabes exactamente si da medo ou risa, ou as dúas cousas á vez. A pouca capacidade de atención de que dispoño activouse de inmediato e tratei de memorizar cada un dos obxectos que debemos adquirir si queremos estar a salvo. A continuación, pensei no frigorífico, que leva un ano baleiro para evitar atracóns nocturnos debido a un trastorno alimentario provocado por ansiedade xeneralizada. A verdade é que agora teño un tipazo, todo hai que dicilo.
Para miña sorpresa, na casa teño o cen por cen de todo o que se recomenda comprar e imaxino que a gran maioría dos domicilios europeos estarán na miña situación.
Botei de menos que a comisaria non nos aconsellara un manual de instrucións para utilizar o kit de forma correcta. Na súa alocución, debería informarnos de que non é aconsellable utilizalo ata o cuarto día, xa que un ser humano pode sobrevivir máis de 72 horas sen beber e sen comer. Un conflito bélico é raro que dure tres días e si temos a sorte de que iso aconteza, sairíamos do refuxio con vida e o kit sen estrear.
Os problemas comezarían a partir do día tres pero sobre este aspecto a UE informou de forma imprecisa, xa que comezar a utilizalo dende o principio poría en risco a vida das persoas. Non se fai alusión tampouco a orde de utilización de cada un dos compoñentes, que é de vital importancia. O manual de usuario tería que indicar que o único material que se pode utilizar os primeiros tres días é a baralla de cartas. Un tute, unha brisca, un cinquillo ou un chinchón son xogos sinxelos nos que toda a familia pode participar e así evitar pensar na fame e na sede. Si nos aburrimos das cartas, podemos aproveitar a función 16 da navalla suíza para xogar aos dardos. A auga, comezala a beber non antes do cuarto día. Como medida de aforro aproveitar asociar a inxesta de auga coa toma da medicación.
Nunca facelo por separado. Economizar o líquido elemento é fundamental. Sen comer podemos pasar ata dous meses, pero eu recomendaría comezar a partires do sétimo día, tendo sempre en conta as reservas enerxéticas que teña cada individuo. As persoas co IMC (Índice de masa corporal) máis alto terían que facer un esforzo e comezar a partires do día 10. Por este motivo, entre os obxectos recomendados debería estar unha báscula que calculase o IMC.
A radio conectala para estar ao tanto de como vai a guerra. Fixarse si as pilas son alcalinas, tipo Duracell plus ou Energizer. Si son do Froiz ou de calquera outra marca branca, conectar o transistor e a lanterna o mínimo posible.
O vídeo da UE non dá toda a información que debería ante unha situación, que ao parecer é de perigo extremo. O que si hai que recoñecerlle á comisaria é, que a inclusión da navalla suíza no kit é todo un acerto. Tanto che vale para descorchar un botella de viño en caso de vitoria, como para degollar a un moscovita ou como para facerse as uñas. En concreto, as funcións 9, 11 e 17.