Nesta ocasión pensaba escribir sobre as semellanzas existentes ente o que aconteceu en España logo da saída do Rei Alfonso XIII e a chegada da República. De como os monárquicos, ou como se denominaran naqueles momentos, porque cada quen arrimaba a brasa á súa sardiña, comezaron a campaña de derrube do que aínda era practicamente non nata: a República. Sen embargo, diante das “movidas” que están protagonizando os da dereita, do centro e da extrema dereita, decidín ofrecerlle a vostedes unha reflexión sobre “que fixemos neste últimos 40 anos?”
Obviamente, á hora de buscar culpables, temos que delimitar territorios. Non todos teñen a mesma responsabilidade. Ás familias humildes rotas polas barbaridades cometidas polos que gañaron a guerra, que bastante tiñan con buscarse un anaco de pan para darlle aos seus fillos, non podemos consideralas culpables de nada; todo o contrario, algunha deberíamos erguerlle un monumento pola dignidade con que levaron o seu calvario. Maridos no cárcere ou perseguidos polos montes; outros nas gabias dos camiños e estradas.
Cando pregunto que fixemos, quero dar un salto no tempo, intentar esquecer os anos negros da posguerra que eu vivín plenamente, usando a cartilla do racionamento que correspondía á familia, indo a tenda habilitada para recoller un paquete de tabaco para meu pai que tiña que durarlle unha semana, creo, aceite, pan (poucas veces), azucre, aceite (artigo de luxo naqueles tempos), etc.
“Quero avanzar e situarme no ano 1978, data do nacemento da ‘sacrosanta’ CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA, que, segundo vimos lendo tempos ha, resulta ser un modelo para medio mundo. Modelo de que? me pregunto”
Quero avanzar e situarme no ano 1978, data do nacemento da “sacrosanta” CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA, que, segundo vimos lendo tempos ha, resulta ser un modelo para medio mundo. Modelo de que? me pregunto. Modelo de como se aplicou o principio de Lampedusa: que todo cambie para que nada cambie? Iso foi o que se fixo.
Estes días temos que sufrir as declaracións do Presidente do Poder Xudicial onde asegura, sen poñerse vermello, que a exaltación do franquismo entra dentro da liberdade de expresión, pero coidado, porque un rapeiro foi condenado a cárcere por expresar en público frases que non gustaron ao Poder establecido. Aquí a liberdade de expresión tiña as patas curtas, os franquistas poden dicir ¡Viva Franco e Arriba España!! Que non pasa nada. Se fora en Alemaña, eses grupos, entidades ou partidos estaban ex-comulgados por atentar contra os dereitos e principios democráticos que nada queren saber con aqueles que deron un golpe de estado e tombaron un Goberno Constitucional.
Pero voltemos ao principio. Que lles ensinamos as novas camadas, como diría o Beiras, dende aquelas datas da aprobación da Constitución?
Logo de ser aprobada a Constitución de marras, nun Consello Escolar un pai dun alumno chamoume a atención porque segundo el estaba facendo política na escola co seu fillo. O problema residía no ultimo capitulo do libro de texto de sociais, de Vicens Vives, que, por primeira vez ofrecía aos alumnos, e tamén aos profesores, todo hai que dicilo, que representaba a constitución recén aprobada, como se establecía a composición do Parlamento, do Senado, como se elixían os Deputados, os tres poderes, etc, etc.
Explicarlle a os alumnos estas cousas era, a xuízo deste pobre home (en sentido cariñoso) adoutrinamento. Obviamente eu seguín informando aos meus alumnos de todos estes temas así como do cambio que, en principio, se dera no País.
Estes días podemos ler na prensa diaria os resultados de enquisas entre o profesorado de por que non explican con nitidez e sen subterfuxios en que situación política e social nos atopamos. Din que non se atreven a facelo por medio a represalias, porque temen ser acusados de adoutrinamento.
Estupendo. Aquí vimos de ser informados que nalgunhas partes do Estado un partido político que forma parte do goberno desa institución esíxelle ao presidente de turno que se cante o cara ao sol, que se poñan as bandeiras nas escolas e, por que non, tamén un crucifixo facendo compañía a unha foto do Rei. Pero iso non é adoutrinamento. Iso é información pura e dura. Ver para crer.
Por outra banda temos aos “vellos gurús” da política despotricando contra o goberno que quere romper España, que non respecta a Constitución e que se vende aos que pretenden acabar coa unidade deste País. Unidade? De que unidade estarán falando?
“Supoño que tanto Felipe González como Alfonso Guerra (un constitucionalista dos de verdade) saben quen mandaba no ano 78 e quen segue mandando en 2021. Saben, ou deben saber, que foron os nazis e fascistas apoiados por Franco os que se fixeron coas empresas do INI, que aínda hoxe controlan e cotizan no IBEX-35”
Supoño que tanto Felipe González como Alfonso Guerra (un constitucionalista dos de verdade) saben quen mandaba no ano 78 e quen segue mandando en 2021. Saben, ou deben saber, que foron os nazis e fascistas apoiados por Franco os que se fixeron coas empresas do INI, que aínda hoxe controlan e cotizan no IBEX-35. Saben que son eses “herdeiros do franquismo” os que representan aos empresarios que se enfrontan as medidas do Goberno; saben que tanto as eléctricas como as construtoras e os grandes banqueiros comezaron a mamar na ubre do franquismo e seguen a facelo. Saben que na esfera da Xustiza ai están homes daqueles tempos e fillos daqueles homes daqueles tempos que non cambiaron o chip.
Sabendo todo isto como é que son quen de enfrontarse aos seus. De deixar ao Presidente do Goberno, do seu propio partido, ao pé dos cabalos.
Pero que di esa Constitución? Pois no seu artículo 130 di o seguinte:
1.-Os poderes públicos atenderán á modernización e desenvolvemento de todos os sectores económicos e, en particular, da agricultura, da gandería, da pesca e da artesanía ao fin de equipar o nivel de vida de todos os españois. 2.-Co mesmo fin dispensarase un tratamento especial ás zonas de montaña.
No seu artigo 131.- 1.- O Estado, mediante lei, poderá planificar a actividade económica xeral para atender as necesidades colectivas, equilibrar e harmonizar o desenvolvemento rexional e sectorial e estimular o crecemento da renda e da riqueza e a súa máis xusta distribución.
Ou sexa que o Goberno, en representación do Estado, pode planificar a actividade económica xeral. Non precisa solicitar o permiso das grandes empresas para nada. Sobre este punto, lémbrome que Santiago Carrillo, asinante da Constitución, declarara que “o partido comunista podería gobernar sen ter que modificar a Constitución”. Tiña razón.
Por que agora resulta que hai que consultar aos grandes lobys empresariais para poñer en marcha medidas que saquen aos mais necesitados de súa pobreza? Por que os medios de comunicación non informan aos cidadáns que o Goberno non ten que pedir permiso nin a sindicatos nin a empresarios para trazan un Plan de Recuperación no que ninguén se vexa excluído, sobre todo os que nada teñen?
Volvamos ao principio…
“Quen lle ensinou a nosa mocidade que representaba a constitución en realidade? Quen gañaba e quen perdía coa sinatura dese documento tan sacralizado nestes momentos? Que saben os novos votantes cando erguen unha bandeira de España fronte ao Goberno e corean consignas propias doutros tempos?”
Quen lle ensinou a nosa mocidade que representaba a constitución en realidade? Quen gañaba e quen perdía coa sinatura dese documento tan sacralizado nestes momentos? Que saben os novos votantes cando erguen unha bandeira de España fronte ao Goberno e corean consignas propias doutros tempos? Alguén lles explicou que fixeron cos seus avós, cos seus pais, cos seus veciños durante un golpe de Estado e logo durante unha guerra civil na que se viron enfrontados irmáns con irmáns se comelo nin bebelo? Saben acaso quen gañou aquela guerra, pero non nas trincheiras senón nos bancos, nas empresas, etc.? Saben como laminaron a todo un corpo de ensinantes dende o momento do golpe ata moitos anos despois de rematar a guerra? Acaso non son conscientes de como seus familiares seguen hoxe buscando en enterramentos propios de animais aos seus antepasados?
Que fixo o Corpo de docentes para que chegaramos a estes momentos con tanta ignorancia nas cabezas de millóns de españoles? Que fixeron os gobernos socialistas (parece unha broma chamarlle así) que tivemos e din que temos para que todo isto saia á luz? Acaso temen perder o Poder? Acaso cren que os herdeiros franquistas lle van a permitir seguir gobernando cando teñen o campo expedito para resucitar todos aqueles demos que fixeron caer á República? Outro día falaremos disto.
“Hoxe queremos entonar o mea culpa, mea culpa, aínda que persoalmente podo presumir de levar 40 anos loitando contra as pantasmas do pasado que agora volven e parece que se van reunir en aquelarre na Praza de Colón, de Madrid”
Hoxe queremos entonar o mea culpa, mea culpa, aínda que persoalmente podo presumir de levar 40 anos loitando contra as pantasmas do pasado que agora volven e parece que se van reunir en aquelarre na Praza de Colón, de Madrid.