Dende que comecei a impartir clases nun centro público, aló polos anos 60 do pasado século, asistín como espectador, obviamente, a un montón de cambios nos planos de ensino. Cada deles ía movendo os marcos do anterior pero se atreverse a entrar de cheo na Leira do ensino. Se máis anos de primaria, se menos anos de bacharelato, se comezo do ensino público aos tres anos , etc, etc.
O que nunca se fixo e non creo que se vaia facer é dotar aos ensinantes de competencias axeitadas e de autorización para ensinar aos seus alumnos/as aquilo que lle vaia ser máis útil no futuro. E non estou falando de matemáticas, física ou lingua. Falo de que os nosos educandos cando cheguen a idade de pubertade, cando comecen a dotarse de autonomía persoal teñan claro en que campo de xogo van disputar o partido da súa vida.
As discrepancias que sempre estiveron presentes entre os grupos políticos e académicos cando se intenta facer cambios tiveron que ver, especialmente, co ensino da relixión nos centros ou con materias que hoxe son consideradas inútiles. Falo da filosofía, do latín, da historia ben contada. Os gobernos respectivos, de dereita e de esquerda, nunca consideraron que unha persoa non é só aquilo que pode aprender no campo da mecánica, da informática ou da lingüística aplicada. Somos persoas formadas con capacidade de ser libres ou escravas cando esteamos dotados de ferramentas para enfrontarnos ao mundo que nos rodea. Ou sexa, para ser máis directos: cando esteamos preparados para pensar, razoar, reflexionar, decidir por nós mesmos logo dun período de aceptación ou rexeitamento daquilo que as institucións políticas ou económicas nos poñen diante dos fuciños. Parodiando ao filosofo, “penso, reflexiono, logo decido o que máis me poida interesar.
Pero para que unha rapaza ou rapaz saia á rúa erguido e convencido de que ninguén o vai manipular ten que ter sido antes informado adecuadamente dos perigos, as trampas, que o mundo actual, ten preparadas para que sexa reo dos intereses dominantes.
Actualmente asistimos a varias frontes que determinan o noso modo de vivir, de estar no mundo. Eu podería nestes momentos poñer sobre o papel media ducia de problemas cos que nos atopamos. Podería darlles a miña opinión, mellor ou peor fundamentada, pero non se trata agora e aquí de facer de “pitoniso” nin de presentarme como o máis listo da clase. O que me pregunto é se nestes momentos nos centros de ensino dos niveis de secundaria e bacharelato, como primeira fase, se lles está informando debidamente aos alumnos e alumnas (non adoutrinando como teme a dereita cavernícola desta país) sobre que pasa arredor da pandemia; como está funcionando o capitalismo representado polas industria farmacéuticas; quen hai detrás do interese das empresas polo teletraballo; cales son as orixes do mundo empresarial do Estado; cal foi o comportamento das distintas opción políticas antes, durante de despois do franquismo; en que consiste unha sociedade capitalista, socialista, comunista de verdade; cal foi e cal é o papel xogado pola Igrexa no mundo educativo do Estado Español; cantos daqueles personaxes franquistas que axudaron ao golpista de Ferrol están presentes nos seus fillos e netos, no empresariado actual; como se constituíron as fortunas actuais existentes…
Estes e outros moitos son temas que non podemos deixar nas mans dunha prensa pesebrista sen capacidade para investigar e publicar todo sobre estes temas e outros moitos que van condicionar a vida social, económica e de lecer das futuras xeracións. Para que o comprendan temos que explicarlles quen son os propietarios do medios de comunicación e de onde mamaron a situación actual.
Como se pode facer participes aos nosos mozos e mozas de todos estes temas? Moi sinxelo: introducindo nos planos de estudios materias ad hoc que os informen de onde vimos, como resistimos e cara a onde nos levan. Isto só se pode facer nos centros de ensino.
Claro que alguén, seguro que moitos, estarán pensando que o que aquí se propón é facer política nos centros de ensino. Pois claro que si. E que acaso a política non é o noso alimento diario convertido en soldos, en acceso as vivendas, en capacidade para emprender, e defendernos dos abusos bancarios, etc, etc. ? Iso non é política? Iso non se determina nos parlamentos dos países? Iso non vai ser o mundo que os nosos adolescentes se van atopar cando saian de debaixo das saias dos seus pais?
Por que non se fixo nin se espera que se faga? Moi sinxelo, ao meu modo de ver o problema.
Por unha banda temos unha institución relixiosa que non acepta o pensamento libre, non acepta que eu ou vostedes decidan ser agnósticos, por exemplo. É comprensible; acabaríaselles o alpiste. Terían que poñerse o mono de albanel e manchar as mans de cemento para construír unha nova sociedade ceibe no pensamento e nas decisión que poden ser, perfectamente, relixiosas, confesionais.
Iso pola banda de Lestrobe; pola banda de Laíño temos aos partidos políticos máis representativos do Estado involucrados directamente no desenvolvemento do Estado Español dos últimos 100 anos. Todos están salpicados por comportamentos que nada teñen que ver cunha filosofía de vida aceptable dende o punto de vista da moralidade, da ética persoal, da decencia política. Aquí, neste bando, temos que meter tamén ao mundo empresarial. Este, se lle quitamos da súa base as miserias sobre as que se sustenta derrubaríase totalmente. Coñecer como se formaron as principais empresas do IBEX 35 e outras que non están nese club seria para moitos lectores un exercicio interesante.
Por que non se ensinan todas estas cousas? Por que non se dan conferencias en círculos culturais, en universidades, etc. sobre todos estes temas que conforman toda unha vida social, relixiosa e política do Estado?
Eu teño a resposta, pero voume limitar a provocalos a vostedes, queridos lectores, para que se tomen a molestia de buscar a resposta. A mín tenme custado moitas horas de lectura e moitos cartos (os libros e revistas especializadas non son nada baratos, precisamente).
As respostas existen. Como dicía unha campaña da televisión estatal aló polos anos 60 ou 70, “todo está nos libros”. É certo, cando tratamos de informarnos por aquelas persoas que tiveron o valor de escribir, de rebuscar nas hemerotecas, de xogarse nalgúns caso a súa propia vida, podemos estar ben informados. Pero non é suficiente que o fagamos os que nada pintamos no devir do Estado. É preciso que a mocidade estea informada; logo que cada quen tomen o camiño que máis lle guste, pero que o faga coñecendo outros camiños, non que teña que seguir o que dende “arriba” se indican sen darlles explicacións.
Que sexan quen de liberarse do “bicho” que nos trae de cabeza. Gocen como mellor sexan capaces de facelo.