Esta frase é moi coñecida no eido da información. Reflexa, dalgún modo, o que hoxe pretendo comunicarlle aos meus sufridos lectores.
Partindo do que para min é un principio comprobado, que os medios de comunicación, en xeral (imos deixar un pequeno marxe para uns cantos que pidan quedar fora da queima) son tóxicos, tentarei expoñer unha cantas mostras dos efectos deste virus informático que non ten vacina nin se lle espera.
Todos os días podemos comprobar a inconsistencia das declaracións dos nosos políticos sobre calquera tema que teña como protagonista os membros do partido da oposición. Pouco importa que o que se declara sexa ou non verdade. O que importa é que a mensaxe chegue aos ouvidos daqueles que entendemos “son dos nosos” e temos que mantelos entretidos para que non se crean o que expón o partido contrario, sobre todo se está no poder.
“Todos os días podemos comprobar a inconsistencia das declaracións dos nosos políticos sobre calquera tema que teña como protagonista os membros do partido da oposición”
Medios non nos van faltar. Cando eu era un crío, e non tan crío, toda a información que nos chegaba viña da man do Faro de Vigo. Era o non plus ultra nos eidos do rural e da vilas desta zona do sur de Pontevedra. Cando se falaba dun xornal todo o mundo pensaba no Faro, aínda que non fora tal. Xornal = Faro de Vigo.
Claro que os tempos pasaron e agora podemos falar de ducias de medios que non son Faros. Logo a posibilidade de que nos metan gato por lebre resulta multiplicada. Se ademais lle sumamos as chamadas redes sociais entón a marabunta de canles de información xa nos desborda. Claro que isto non tiña por que ser daniño se a súa utilización fora honesta, decente, axustada a verdade. Pero é aquí onde xorde o problema.
As opcións políticas dominantes dispoñen de medios chamados afíns. Obviamente non son todos exactamente iguais pero a finalidade das súas información non se apartan do mesmo código informativo: os meus deben ten un plus ao seu favor, por algo son nosos.
O problema non reside en que os medios nos enganen diariamente. O problema está en que nós, os lectores, non sabemos cando o están facendo. Cremos case todo o que se publica como certo porque entendemos que senón non seria publicado, alguén tomaría cartas no asunto e denunciaría os feitos como un delitos de desinformación grave. Isto non ocorre. O mundo funciona doutro xeito.
“O problema non reside en que os medios nos enganen diariamente. O problema está en que nós, os lectores, non sabemos cando o están facendo”
Os lectores tragan todo o que lle boten e máis. Só é preciso que a información saia dos que nós entendemos “son dos nosos”. Non pedimos máis. Xa poden soltarnos a troula máis grande que sempre teremos maneira de rebaixala. Como todos son iguais a min váleme, soemos dicir para xustificarnos a nós mesmos.
Eu podía expoñerlles aquí e agora ducias de informacións que foron falsas en orixe e seguen sendo falsas, obviamente. Poderiamos estar ata pasado mañá e non dariamos rematado. Vou, sen embargo citarlles unhas cantas; non importa o número. Vexamos.
Cando comezou a pandemia e o goberno tomou unhas determinadas medidas no Parlamento todos estiveron de acordo. A proposta do goberno saíu adiante sen problemas. Isto durou pouco tempo porque os populares decatáronse de que o Goberno estaba gañando puntos e había que poñerlle algún tipo de cambadela.
A terceira vez, creo, para renovar o acordo do Parlamento dixeron que non. Habería que tomar outras medidas sen especificar, realmente, en que consistían. O asunto era non darlle gas ao Goberno. Máis tarde presentan unha denuncia sobre os resultados daqueles primeiros plenos. Finalmente as autoridades xudiciais danlle parcialmente a razón e crean unha situación rocambolesca: piden medidas moitos máis drásticas das que se tomaron, pero mantiveron o pulso contra o Goberno que era o obxectivo. Os medios afíns, obviamente fixéronse eco deste procedemento e considerárono correcto. Era decente, honesto? Non importa; era legal.
A luz subiu ultimamente unha barbaridade. Culpable, o Goberno, claro. Tiña que rebaixar os impostos estatais sobre cada recibo. Así se fixo, pero cando alguén dixo que a solución era que o Estado dispuxera de fontes de enerxía, chámense centrais eléctricas ou doutro tipo, que hai algunhas xa rematadas as concesións e o Goberno debe aproveitar a oportunidade para constituír unha central eléctrica pública, aquí xa se acenderon as luces largas. Non pode ser. Iso seria como unha nacionalización das empresas privadas. Aos ricos, que son dos nosos, non tocarlle. Normal, non podemos pedir quer as opcións da dereita molesten aos ricos, pero si poderiamos esperar que os medios de comunicación informaran amplamente aos lectores en que consiste ese cambio de empresas eléctricas e como beneficiarían aos consumidores, tanto de dereita coma de esquerda, e aínda de centro se quedan algúns.
Por que non se ten informado con amplitude sobre este serio tema? Sería longo de explicar pero resumindo podo adiantarlles que esas empresas que producen electricidade son donas, na súa maior parte, dos medios de comunicación os cales deberán informar con total liberdade e claridade.
Falemos de pensións. Os gobernos anteriores non se atreveron a tocarlle. Non había marxe. Era imposible subilas. A caixa xa non tiña mais arandelas. Mentira. Hai marxe, hai arandelas e hai de onde sacalas. Claro que aquí outra vez se ven involucrados os propietarios dos medios, en xeral, que deben cotizar máis polos seus traballadores; non se pode xubilar aos funcionarios aos 50 e pico de anos, por exemplo. E máis cousas. Agora parece que as pensións se van subir aínda que a patronal siga poñendo pedras nos zapatos do Goberno.
Este caso, o das pensións, afecta a todos os cidadáns en xeral: ricos, pobres, medianos. Onde están os medios que se poñen a carón do Goberno informando en que consiste a subida e a quen vai beneficiar? Dan a noticia, faltaría máis, pero acto seguido podemos ler comentaristas poñendo en dúbida que iso poida ter moito recorrido. Mellor facerse seguros privados para a xubilación; mellor engrosar as contas das grandes empresas que están esperando fracase unha medida así tan social e necesaria. Ai está a indecencia. Os medios tratan de convencer aos cidadáns para que caian nas gadoupas das multinacionais dos seguros.
Asistimos a un discurso bronco dos partidos que non gobernan amplificados polos medios. Xa non digamos as redes sociais que esas non hai quen as controle aínda que saibamos a quen benefician. Os medios escritos influentes deberan manter un código ético para que os lectores tiveran nas súas mans información seria, decente, honesta. Non todo vale o diga quen o diga. Deberán borrarse certas declaracións que se sabe son mentiras de raíz, non darlle carta de natureza como se foran dogmas. Iso sábeno os xornalistas, sábeno os directores dos xornais, sábeo todo o mundo aínda que miren para outro lado.
“Asistimos a un discurso bronco dos partidos que non gobernan amplificados polos medios”
Pero que pasa cos cidadáns? Realízase unha enquisa e din que as opcións políticas que están envelenando aos lectores, que menten máis que falan, suben no ranking. Os beneficiados vólvense tolos e din “este ao camiño; temos que seguir contando enganos, e gañando, que así medramos”. E os lectores sentados nunha cadeira dun bar tragándose todos estes embustes e crendo que lle están resolvendo os seus problemas. Isto é a miseria da información xeral deste Pais. Nin sequera utilizan unha linguaxe respectuosa, educada.
Non se cortan. Poden chamarlle trileiros, embusteiros. Titulares ampulosos con información que se sabe viciada en orixe. Elevar a categoría o que non é máis que unha frase de taberna. Hai que captar a atención custe o que custe. É aí o significado do titular: que unha verdade non che estrague un bo titular.