Que a Igrexa Católica leva “inmatriculándonos” dende as seus orixes é un feito incontestable, e son consciente delo ata os seus, cada vez menos, acérrimos incondicionais. Que non nos estrañe que no próximo concilio ecuménico decidan trasladar o Vaticano a Cuenca e obrigarnos a orar en cuadrupedia mirando cara a cidade das casas colgantes, coa intención de “inmatricularnos” por los siglos de los siglos, amén.
Escabechina no descubrimento de América, a brutalidade da Santa Inquisición ou a conivencia co xenocidio franquista, son as “inmatriculacións” que máis sona teñen. En ningún destes feitos había un ápice de remordemento porque obedecían ordes directas de Deus.
A día de hoxe a Igrexa volve a estar de actualidade polo incumprimento de seis dos dez mandamentos que marcaron a lume nas nosas conciencias. O que non se lles pode negar é que a “meticulosidade” encántalles, xa que foron quen de incumprilos correlativamente, dende o quinto ao décimo, de xeito reiterado e coa complicidade do poder político, as cúpulas eclesiásticas e moitísima xente que non se atreveu a denuncialos.
“A día de hoxe a Igrexa volve a estar de actualidade polo incumprimento de seis dos dez mandamentos que marcaron a lume nas nosas conciencias”
Refírome tamén ao quinto dos preceptos porque por desgracia tralos abusos, houbo suicidios e outras moitas vítimas convertéronse en mortos viventes. En resumidas contas, que só respectaron os catro primeiros mandamentos, as “Marias”, os que cumpre calquera.
A inmatriculación de bens que non eran seus e os abusos sexuais a menores é algo que non se pode pasar por alto, que a calquera persoa debería abrirlle os ollos sobre si quere estar ou pertencer a unha organización que predica unha cousa e fai a contraria. Isto inclúe tamén aos partidos políticos do crucifixo invertido que fan todo o posible para evitar que se esclareza o lado máis oscuro de la Santa Madre Iglesia.
Estas dúas perlas foron soltadas por dous xerarcas eclesiásticos: “Os rapaces corrómpense e prostitúense para comprobar si son ou non homosexuais”, “Hai nenos de doce anos que te provocan porque están desexando ter sexo” Non son poucas as veces nas que penso, que o alzacuellos é a atraínte punta do iceberg, un reclamo para que unha vez te achegues a observar a súa inmaculada brancura, remates encallando na negrura, na escuridade da súa sotana.
Ben é certo que na historia houbo intentos de rematar cos abusos e privilexios da Igrexa. Mendizábal, adoptando a “postura dos misioneiros” que traballan para axudar aos máis pobres lonxe do boato e decatándose de que o Reino de España cada vez asemellábase máis a Sodoma e Gomorra, tratou de poñer ao alcance da sociedade as riquezas da Igrexa.
Si hoxe Juan de Dios Álvarez Méndez, Mendizábal que morreu en 1853, levantara a cabeza non daría crédito ao que está a suceder en pleno século XXI.