Non, non só é a miña queixa por esta festa anual consoladora da Lingua, non. Non, non é só que a Lingua Galega se nos escape dos eidos urbanos de Galiza, non. Non é iso, o asunto é máis cruel, desaparece tamén nos eidos rurais onde se protexeu durante séculos. Pódese constatar escoitando falar ás crianzas no bulir dos recreos, nos patios dos colexios.
Chegaron mestres de todo tipo, algúns coa premisa do idioma ben presente, mais case todos sen conciencia resistente, sen o sustento pedagóxico necesario para acudir a ampliar a visión de horizontes e porvir, con suxeitos maleables que se moven a partir da suxestión, da ledicia, do xogo, da confianza, da cordialidade idiomática, da cordialidade social, da aventura científica, do agradecemento que supón aprender.
Fixeron propio o impropio, desprezo e menoscabo sen ter en conta abusos, divagaron códigos alleos recreándose na indistinción, arredando da Nosa Lingua Nai. Sentíronse co apoio dunha lei -inxusta e desequilibrada, que inclúe gobernantes, direccións, inspeccións e medios de comunicación alleantes.
“O galego, mal que ben, segue a ser unha realidade, un ben moi escaso, excepcional e case litúrxico, anque sexa a nosa realidade histórica que nos dá identidade”
A Lingua non é só estruturas, análises, gramática, vocabulario, é entendemento para sentir e ver, para explicarnos e afirmarnos no mundo. O galego, mal que ben, segue a ser unha realidade, un ben moi escaso, excepcional e case litúrxico, anque sexa a nosa realidade histórica que nos dá identidade. Desde a meseta nunca nos deixaron abeirar a Portugal. En caso de dúbida, xenuflexión! As institucións que se crearon para protexela non funcionan e cederon ás subvencións calando confiadas, compracidas de calquera maneira.
As linguas recoñecidas como propias están asegundadas á “oficial” nun estado que segue a respirar ventos de submisión, sen apertura de carácter integrador que recoñeza a realidade nosa, en galego. Os medios de comunicación son, polo xeral, desintegradores e non a distinguen, nin na nosa propia Casa. Ninguén contemplaba un acordo de identidades con Portugal? Ninguén acordou dos irmáns? Veñen urxentes improvisacións sen sumar vontades, sen confluír para ir no mesmo carro cara ao mesmo sitio. Non miraban ao noso redor, como pode ser? E o portugués? Hai que primalo despois de séculos de desprezo e de asegundalo. Hai que beneficialo porque nos beneficia a nós, diante de tanto opresor pois non son unha mercadoría, nin unha cifra, nin cotizan na bolsa de Madrid.
A Lingua Nosa cotiza con dividendos de honra e o orgullo de pertenza, na ledicia da orixe compartida, na dignidade de pobo, na sementeira de herdeiros nesta sorte que é Galiza e Portugal, só é cuestión de acordo e proximidade, de concordia. A Lingua non depende precisamente desas persoas que apropian o dereito de manipulación, que son os que a desterran en casa propia, senón da xente do común que sen complexos, vergoñas, imposicións inventadas e cousas desas, segue a arar futuro.
Vimos dun xenocidio, de vulgares asasinos, vimos da pestilencia das cloacas máis porcas que enfrontaron irmáns en guerra fratricida. Quérennos gobernar aínda con eses cheiros que desprezan a razón. Pois non, porque a nosa historia tamén se pode escribir a partir do moito que nos foron quitando, que nos aínda quitan. A irmandade lingüística con Portugal. Somos un mar de ausencias, de dereitos fanados.
Aínda non sabemos como deu para tanto o tanto que nos levaron! Estamos feitos de silencios solapados, de baleiros, de ecos lonxincuos que nos chaman. E a Nosa Lingua, tan desprezada que agarda ese acordo de confluencias que mire a Portugal, nun pacto desexado que concilie identidades coa Galiza de alén do Miño. Deberemos facer memoria, volver á identidade lingüística da conciliación. É urxente e necesario. Somos resultado desa compracencia. Afectados sobre todo de políticas sen esperanza que están a rebentar a materia prima do noso futuro, a propia Lingua.
“Este ano convén avanzar na integración da man de Xela Arias que nos leva nos seus soños, a filla de Amparo e Valentín, quen fora discípulo de Avelino Pousa nas iniciativas educativas pioneiras do contacto coa terra mesma, co que nos é natural. Respiramos falando galego, senón mesmo afogamos”
Este ano convén avanzar na integración da man de Xela Arias que nos leva nos seus soños, a filla de Amparo e Valentín, quen fora discípulo de Avelino Pousa nas iniciativas educativas pioneiras do contacto coa terra mesma, co que nos é natural. Respiramos falando galego, senón mesmo afogamos.