En certa ocasión fun convidado a visitar as instalacións da Escola de Negocios dunha entidade financieira xa desaparecida. Cando chegamos ao aulario, o director do centro quixo que reparase que todas as aulas estaban dedicadas a coñecidos empresarios e teóricos da ciencia económica. Todos, por suposto estranxeiros.
Mais ningún galego. Quedou sorprendido cando lle preguntei cal era a razón de tal discriminación. Serica ninguén lle fixera tal observación. Naquel centro académico tampouco se programaban módulos formativos dedicados a estimular no alumnado o coñecemento imprescindible da realidade socioeconómica galega para o exercicio das súas actividades empresariais. Tamén estaba fachendoso da avanzada tecnoloxía coa que estaba dotado o centro, pero pouco preocupado por formar ao seu alumnado na historia do pensamento económico galego.
Mellor nos tería ído se os centros universitarios dedicados a fornecer de cadros dirixentes ás empresas do pais lles ofrecense a debida formación para espertar neles o interese pola historia económica e os protagonistas excepcionais, que os houbo, no contexto de cadanseu momento. Daquela, hoxe a economía estaría máis identificada coas verdadeiras orientacións que informan o alcance da responsabilidade social empresarial.
O Foro E. Peinador vén insistindo, na medida das súas posibilidades, para que as universidades galegas incorporen aos curriculums académícos programas formativos que fornezan ao alumnado de coñecementos da historia do pensamento económico de Galicia. Por iso é de xustiza que traiamos aquí o exemplo da Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña, da que é decano don Anxo Calvo Silvoso, que lle dedicou a Isaac Díaz Pardo, un empresario de referencia, unha aula. Con esta acción conséguese que o alumnado se familiarice coa memoria de quen converteu a empresa de cerámica Sargadelos nunha marca que se proxectou no mundo asociada a un pais cunha cultura e lingua de seu.
Outro tanto está a facer a Escola Universitaria de Estudos Empresariais da Universidade de Vigo. Continuando o proxecto de galeguizar o aulario iniciado hai dous anos, celebrará o próximo día 4 de abril dous actos salientables: unha mesa redonda protagonizada por empresarios que asumiron a galeguidade das súas actividades, e a descuberta dunha placa que dará o nome de Isaac Díaz Pardo a unha aula coa correspondente descrición biográfica: “Pintor, deseñador, ceramista. Comprometido coa dinamización sociopolítica e empresarial para a modernización e a internacionalización da cultura”…
O equipo directivo da Escola e a súa decana, dona Consuelo Currás Valle, son merecentes do recoñecemento de cantos saben que na galeguización de Galicia as universidades teñen moito que dicir e facer.
E xa que estamos a falar de honras, anunciamos que o día 6 do mesmo mes celebrarase na Casa do Concello de Mondariz-Balneario o acto institucional de entrega da Medalla de Ouro do Concello ao Foro E. Peinador, que a Corporación Municipal lle concedeu por unanimidade. Unha distinción xustificada por mor do labor na divulgación da figura e obra de Enrique Peinador Lines, o empresario de máis proxección internacional que tivo Galicia no século XX que identificou o seu prestixio co da vila balnearia.