Pedro Esmorías é o director técnico da Carreira por Montaña de Viveiro, CAMOVI. Esta é unha carreir por montaña organizada desde hai nove anos no Concello de Viveiro puntuable para a Copa Galega. Logo de nove anos, Pedro xa pode facer un balance do que veu aportando esta competición, que para el e para as persoas que compiten nela. Máis que nada, para el a cuestión é gozar da carreira e do monte.
-A Carreira por Montaña de Viveiro, CAMOVI, é puntuable para a Copa Galega, pero tamén o foi para outras competicións non?
Si, hai dous anos foi para a Copa de España, mais isto vai cambiando cada ano para darlle mobilidade xeográfica ás probas que puntuan. A Copa Galega son catro probas e a da CAMOVI é a segunda este ano.
-Como consegue un grupo de amantes deste deporte levar adiante unha competición como esta?
Ás veces pensamos que se nos vai das mans, de correr cen persoas o primeiro ano, entre as dúas distancias que fixeramos, a ser setecentos hoxe en día máis os voluntarios. A carreira vala consolidando, vas recollendo o que sementas.
-Cal é a grande diferenza que aporta a CAMOVI fronte a carreiras xa existentes e outras que podan vir?
Creo que por unha parte fomos dos primeiros. Animounos moito a Federación galega, porque eramos moi afeccionados as carreiras polo monte, competides en carreiras de expedición. Sei que por aquel momento existía unha competición en Manzaneda, Penedo dos Lobos, non sei se agora aínda se celebra, non era da Copa, pero dentro das competicións oficiais a primeira foi Canóns do Sil, que organiza o Clube Ribeira Sacra. Logo xa arrancou hai nove anos a Copa galega, nese momento tamén comezamos nós así que xa entramos directamente na Copa.
-Cal é a historia que ten detrás a CAMOVI?
Nós sempre competiamos en carreiras de rail aventura, que son carreiras de expedición e de autosuficiencia, que vas en bicicleta, vas correndo seguindo un mapa, e xa tiñamos falado de montar unha carreira en Viveiro, tocando os picos máis significativos. Trazamos un percorrido de 40 quilómetros e logo ano a ano, fomos introducindo novos elementos como que haxa o menos asfalto posible por exemplo. Finalmente quedou unha carreira cunha dificultade técnica acorde co que temos aquí. Nós non podemos competir con Picos de Europa porque non temos eses picos e non podemos competir con Mont Blanc porque non temos esa altitude, non obstante, temos outras cousas a favor.
-A ti persoalmente, que che aporta o trail running que non che deron outros deportes?
Poucos deportes hai que non practiquei. De neno fixen campo a través, xoguei ao fútbol sala, fútbol e balonmán. Estiven como adestrador de natación no Clube de Natación Xove, cun grupo de rapaces e rapazas triatletas. Con eles chegamos a ser campeóns de España. Unha vila moi pequena con nenos de Burela, Xove e Viveiro, que todo o mundo pensaba que tiñamos un centro de tecnificación, cando realmente era un grupo de nadadores e correderos que o facían ben. Logo probei o trail running e vin que era unha desconexión, só saír ao monte é unha vía de escape do día a día.
-Que diferenzas físicas que aporta o trail running?
O perfil de corredor de trail ou montaña, é un corredor máis forte, ten un tren inferior máis potente. Hai que ter unha certa habilidade para baixar porque os apoios non son sempre firmes e as distancias non son exactas como nunha pista. Se sobes unha parede tes que camiñar e se non es bos baixando méteche unha minutada. A nivel físico é totalmente distinto, cando empecei eu viña de correr por asfalto, sentía moito que non tiña forza nas pernas, andaba nada máis. Dicía para min “fago maratón en tantas horas como non vou poder competir en monte con este outro que ten esa barriga”. É un perfil de corredor diferente.
-Cres que é unha moda?
Hoxe hai un incremento de praticantes moi alto, de non haber competicións agora resulta que houbo unha disputa entre a Federación de Montaña e a de Atletismo para ver a cal lle correspondía ter esta disciplina en España. Tivo que mediar o Consejo Superior de Deportes, Atletismo dicía que todo que fose correr era para eles e a de Montaña propoñía algo semellante. Eu considérome máis de montaña que de atletismo. A diferenza está no nome, “carreira de montaña” é de Atletismo, “carreira por montaña” é de Montaña. A cuestión é que agora hai moita máis xente que se federa, iso crea un cúmulo de ingresos e así entran as polémicas. Eu creo que se creará unha federación de trail nacional, creo que será a solución final.
-Pódese gozar o trail running sen autoimporse metas?
Si, porque ao final o que máis me enche da CAMOVI é o carácter da carreira. Veñen grupos, pandillas, moitos sen expectativas, só para disfrutar do monte, compartir a experiencia. Os que van por diante, ao mellor van competindo pero os demais van gozando do monte.