Ángel Rueda fala con nós sobre a XIII Edición do Festival de Cinema Periférico S8 e a grande ilusión que ten logo destes anos de enclaustramento. Como el di, é necesario deixar de ver series e filmes na casa e saír fóra, volver ás grandes pantallas e ademais, aprenderlle á xente máis nova como se facía e se pode seguir facendo cinema coas ferramentas de toda a vida. Afastarse do dixital, o centro do universo agora e volver á perifería que son os métodos de sempre.
Que é o cinema periférico e por que realizar un festival arredor del?
Porque o cinema cando naceu baseouse na experimentación e na exploración de linguaxes. O cinema comezou como unha experiencia colectiva, como un evento con persoas fuxindo cando viron a chegada do tren nas gravacións dos irmáns Lumiére. Nós queremos recuperar esas primeiras fascinacións co cinema. Por iso traballamos con formatos orixinais, 35 mm, recuperamos a maxia do cinema en estado puro. E o termo periférico é que o cinema non é o centro de nada senón que vai collendo algo do teatro, algo da arquitectura para facer decorados e a música. Acaba sendo como un Frankenstei, entón buscamos recuperar a importancia dos artistas no cinema. Moitas das persoas participantes non son cineastas profesionais, senón pintores ou artistas doutras disciplinas. Ao final, isto enriquece moito a linguaxe e o futuro do cinema abríndoo ao mundo. Creo que é fundamental mirar arredor e non tanto para adentro das cousas para descubrir cousas novas. Iso é o S8.
Que resultados vos gustaría ver saír desde o público unha vez vexan as pezas exhibidas?
Xa desde a primeira edición buscamos crear novos públicos, traballando moito a educación e o cinema e a linguaxe. O que nos dá moita forza é ver como se achegan creadores e creadoras doutras partes do mundo onde descubren un espazo de encontro para traballar no futuro. Este ano o S8 convértese nun espazo para estudantes de Belas Artes en Cinema para mostrarnos o seu traballo.
“Xa desde a primeira edición buscamos crear novos públicos, traballando moito a educación e o cinema e a linguaxe”
O programa do S8 deste 2022 apunta que se presentarán a mulleres xa consagradas no cinema experimental.
Amy Harlpen e Ute Aurand teñen unha filmografía extensísima e é unha mágoa non coñecer aquí o traballo desta xente. Levan moito tempo aportando novidades e novas maneiras de ver as cousas. O caso de Amy Harlpen é algo que me fascina. Ela traballa en Hollywood como directora de fotografía en grandes producións e pola contra, di non ter satisfacción traballando no cinema comercial senón que o amor polo cinema aparece cando fai os seus propios traballos con tempo, amor e amodo e sen a presión da billeteira. Debemos recordar que o cinema vai máis aló de pasar unha hora distraído. Harlpen escolleu o S8 para presentar a súa nova longametraxe. Outra convidada é a berlinesa Ute Aurand bebe directamente das fontes do cinema experimental. Estaba aquel director, Jonas Mekas, quen puxo ao alcance de todo o mundo todo este cinema que non é distante ou incomprensible senón quere quitarnos prexuízos de encima. Arand pertence a esa escola e ten un traballo amplísimo. Ambas as dúas estarán aquí na Coruña e farán masterclass explicando para persoas con interese de aprender cousas sobre o cinema.
Vexo a Lee Ranaldo, fundador daquela banda Sonic Youth, que vén coa súa compañeira Lea Singer, para presentar traballos que fixeron durante os últimos anos ademais de facer unha performance.
Aí tes outra resposta ao de “periférico”. Se só nos fixasemos na carreira musical de Lee Ranaldo perderiamos que Ranaldo estudou cinema a finais dos 80 onde coñeceu a súa compañeira Lea Singer. Cando comezaron coa banda Sonic Youth eles mesmos realizaban os seus vídeos en Súper 8 como exercicios dos seus estudos de cinema. Nós imos ter o privilexio de ver eses vídeos de Sonic Youth na Coruña. Este tipo de artistas que buscan e investigan formas son unha maneira de dicirlle á xente máis nova que se poden facer moitas cousas dentro da arte, e non só estar mirando só para as pantallas, o mundo é máis amplo. Ademais, o cinema é poder compartir as inquietudes de persoas como Ranaldo que pechará o festival o domingo que vén cun espectáculo onde mesturará o son en directo, a intervención sonora cunha guitarra eléctrica e crea un ambiente sonoro xunto con imaxes de fondo creadas pola súa compañeira. Vai ser o cinema como protagonista en todas as súas formas.
Diana Barrie e Richard Tuohy quen son estes autores e que é o cinema fotoquímico?
O cinema fotoquímico é o cinema orixinal, o contemporáneo é o dixital. Filmar e revelar, formato tradicional. Estes dous autores teñen un grande valor dentro do cinema porque se o trasladamos a vida diaria, hai moitos oficios que van esmorecendo coa chegada das novas tecnoloxías. Barrie e Tuohy van divulgando como se facía cine de toda a vida e apréndenche como revelar películas na túa casa, como filmar ou como se proxecta.
Creo que son alguén fundamental para non perdermos a tradición do cinema feito coas mans. Eles demostran que podes facer cinema construíndo coas túas mans. Do It Yourself. Montaron un taller esta fin de semana e foi un éxito porque nos chegou xente desde moitos lugares do mundo.
“Queremos ser útiles, termos unha utilidade”
S8 cos apoios que tedes, o número de participantes e de público estades deixando unha pegada na cidade.
Si e dígoche máis, cando comezamos e agora tamén, eramos un tanto inconscientes pois pensabamos que isto era importante. A xente está cada vez máis illada vendo series e filmes e nós cremos que deben saír fóra e para iso trouxemos todo o máis importante dentro deste contexto, traendo nomes destacados e xente das escolas para que coñezan os artistas. Queremos ser útiles, termos unha utilidade. O resto do ano, nós traballamos residencias artísticas para estudantes e aprenderlles facer filmes en analóxico. Así se coñecen como son os rudimentos, as bases do cinema que logo poden servir para logo ter máis ferramentas de creación. Tamén dentro do festival facemos encontros entre profesionais e novos e novas autoras e expandiren o seu traballo. Outra cousa, nós non damos premios, non facemos concursos, xa hai moitos e cremos que fai falta un lugar para dialogar, descubrir cousas e para seguir traballando de cara o futuro e as novas xeracións que se incorporen, que deixen a pequena pantalla para volveren á grande.