Pilar Martínez | Teresa Pedrosa (Pontevedra, 1964), delegada do Estado para a ZFV desde 2012, conta cunha longa traxectoria profesional e política, como inspectora na Inspección de Traballo e Seguridade Social, presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, deputada provincial e concelleira na cidade de Pontevedra .Pese ás dificultades que supón xestionar unha entidade como o Consorcio da Zona Franca de Vigo, amósase satisfeita dos obxectivos acadados nestes anos nos distintos polígonos industriais que o conforman.
O pleno da Zona Franca vén de aprobar os orzamentos para 2017, que ascenden a 41 millóns de euros. Considera que será posible executar os proxectos que nel se contemplan, como a ampliación do Parque Tecnolóxico, por exemplo?
Efectivamente, o pleno aprobou o seu orzamento de 41 millóns e unha cifra de negocio de 20 millóns, co que presentamos un resultado positivo para o Consorcio e cunha gran capacidade investidora. Pretendermos investir nos tradicionais polígonos industriais como o PTL e o de Balaídos, pero tamén queremos continuar da man do Porto e da Xunta na PLISAN. Desde logo, o meu desexo é que o orzamento se execute.
Porén, o documento orzamentario non inclúe o convenio coa ETEA. Ata que punto o impide a posición do alcalde cando afirma que sacar adiante ese convenio suporía regalarlle os cartos á Xunta?
O Consorcio está formado por distintas institucións e preidido polo alcalde que incumpriu as súas obrigas de convocar os plenos, tal e como establece a norma. Ademais, non quixo tratar o convenio na orde do día, convenio que pretende apoiar a outras institucións como a Universidade de Vigo. Exerceu o seu dereito a veto, e veremos se vai adiante. O desexo do Comité Executivo é levar a cabo a colaboración en investigación nun tema tan importante como o relacionado co mar; pero non só referido á construción naval –que tamén-, senón á gastronomía, ao turismo en todas as súas diferentes vertentes.
Retomando un proxecto fundamental que vostede mencionou máis arriba, o da PLISAN, en que punto se atopa a súa urbanización?
O Consorcio foi a primeira institución que actuou con visión metropolitana, xa que proxectou a PLISAN como porto seco do Porto de Vigo. Despois de anos de moitas dificultades, agora temos resoltos a maior parte dos conflitos pola vía xurídica. E nestes momentos está en redacción o proxecto de máis de 500.000 m2 de superficie.
“Queremos que os nosos polígonos sexan competentes e ofertaremos os primeiros 100.000 m2 da PLISAN a 50 euros o metro”
En Portugal estanse ofertando miles de metros cadrados de superficie a prezos moi baixos. Pensa que este feito repercutirá no interese que esperte nas empresas asentarse na Plataforma Loxística PLISAN? A que prezo se cobrarán os terreos?
Nós sacamos uns prezos estimados nos diferentes polígonos da xeografía galega. De feito, no único polígono industrial no que actualmente temos terreos é en Porto do Molle, en Nigrán. A nosa obriga é facer que os polígonos sexan o máis atractivos posible e por iso sacaremos os primeiros 100.000 m2 da PLISAN a 50 euros o metro cadrado.
Por concretar un pouco máis, hai datos de cantas empresas teñen mostrado interese por instalarse na PLISAN?
Aínda non están a disposición as parcelas, pero si que hai empresas interesadas na súa urbanización. Confiamos en acadar o cen por cen de ocupación, ao igual que nos polígonos de Balaídos, no PTL, en A Granxa e en Bouzas. A nosa ilusión é que a PLISAN sexa o motor do sur de Galicia, que teña conexións intermodais e con moitas vantaxes para que sexa competitiva. Calquera que queira pode achegarse e ver que a súa comunicación interior é imparable. O obxectivo é que calquera empresa que queira poida asentarse.
Actualmente, falta algo por aboarlle aos afectados, como comuneiros e particulares?
A maior parte dos problemas resolvéronse a través de sentenzas, que se están executando e por suposto estase facendo fronte aos pagos correspondentes.
Cumpríronse recentemente cinco anos do seu nomeamento como delegada para a ZFV. Que balance fai deste período?
Estou moi satisfeita porque, cando cheguei, hai cinco anos, efectivamente, observamos que o polígono industrial máis forte, o de Balaídos, tiña moitas carencias, polo que asumimos unha gran transformación que permitiu adxudicar novos modelos á factoría alí instalada. Ademais atopei que en Porto do Molle só había unha empresa instalada e agora teño a honra de poder dicir que hai máis de 120. Por outra banda, metémonos de cheo en sectores que non tiñan forte presencia en Galicia e fomos capaces de poñer en marcha un viveiro aeroespacial e que novas empresas sexan unha realidade.
Que retos se marca para os vindeiros anos?
Teño o obxectivo de conseguir que haxa máis empresas e máis traballadores no Consorcio da Zona Franca de Vigo, pero tamén de levar con normalidade as relacións que eu non rompín. Ademais quero poder executar proxectos fundamentais para o desenvolvemento industrial de Vigo. Estamos na sociedade do coñecemento, polo que ademais de apoiar o ladrillo é necesario apoiar o coñecemento.