“Queremos reforzar a Festa do Xamón da Cañiza porque é a nosa bandeira”

Luís Piña | Alcalde da Cañiza

En vésperas da celebración da LVIII Festa do Xamón da Cañiza este 15 de agosto, o Alcalde Luís Piña repasou a actualidade neste o seu segundo mandato ao fronte da Corporación Municipal.

LVIII Festa do Xamón da Cañiza, declarada de Interese Turístico. Que novidades temos na programación desta edición?
Na liña do que viñamos facendo con algún pequeno cambio a maiores; vai estar o Xamón Serrano, que é a estrela gastronómica, Xamón Asado, empanada de tortilla de xamón e como novidade as Croquetas de xamón. Mantemos o prezo de 2023 (7€ a ración) con viño Albariño Denominación Rías Baixas. Queremos tamén superar o récord do maior bocadillo de xamón, teremos unha cata de degustación e o habitual concurso de cortadores no carballeira do Cacharado. Dende o Concello queremos reforzar este evento porque é algo noso. Serán dous días de verbena con orquestras, obradoiros, deporte, cultura. A hostalería local tamén está implicada porque é unha festa gastronómica.

“Estamos na liña por conseguir a Identificación Xeográfica Protexida (IXP) do Xamón da Cañiza”

Existen perspectivas de ampliar a súa proxección a nivel nacional e incluso internacional?
De cara ao futuro queremos ampliar en tempo o evento na carballeira e reforzar o aspecto de Feira do Xamón na Cañiza. Estamos na liña por conseguir a Identificación Xeográfica Protexida (IXP) do Xamón da Cañiza porque é a nosa bandeira; tentaremos certificar o xamón da Cañiza porque por iso somos coñecidos en toda Galicia. E para iso debemos implicar tanto aos produtores de xamón como tamén do viño.

Zona Franca ven de aprobar os orzamentos 2025 contemplando ampliar o solo industrial na Cañiza. Cómo van estes proxectos?
Para nós é un eixe central. No mandato anterior conseguimos un convenio coa Zona Franca porque é unha entidade clave en materia empresarial, comercial e de globalización. Somos un punto estratéxico no centro do Sur de Galicia, equidistantes con Ourense e Portugal, coa que temos moita relación xa que estamos impulsando a Eurocidade do Miño. Pero tamén formamos parte da Área Metropolitana de Vigo, a máis potente de Galicia. Por iso estamos dando pasos para a tramitación deste solo industrial, que será financiado pola Zona Franca. Tamén está o proxecto do Novo Parque Empresarial da Cañiza, fundamental e positivo e que require a implicación das distintas administracións, indistintamente da cor política.

Precisamente, vén de constituírse esta Eurocidade. Cales son as expectativas para A Cañiza?
Estamos moi implicados neste proxecto porque somos limítrofes con Portugal. É unha oportunidade para a integración no territorio, neste caso entre cinco Concellos (As Neves, Crecente, Arbo, A Cañiza e Melgaço) Corresponde por tanto a dúas unidades territoriais ben definidas, catro Concellos españois e un portugués que miramos ao Río Miño e temos tamén a principal arteria de comunicación que é a A-52. Vainos permitir ter unha interacción completa, afianzando as infraestruturas municipais, servizos ao cidadán, cultura, proxección turística e acceso ás axudas europeas.

A Deputación de Pontevedra anunciou a promoción da Via Mariana no FITUR 2025. Cales son as demandas principais por parte do Concello da Cañiza para a promoción desta ruta?
Se ben é certo que na Cañiza está a sede principal da Vía Mariana, tódolos Concellos polos que pasa esta ruta temos conciencia da súa importancia turística, cultural e relixiosa. Tócanos por tanto dotar das infraestruturas de comunicación necesarias; temos feito sinalización en paneis na Franqueira e Parada financiados completamente polo Concello da Cañiza; e no relativo ás administracións públicas axudarnos no mantemento e promoción da Vía e tamén achegas públicas para a dotación de servizos para os peregrinos. Teño información de que as Deputacións de Pontevedra e da Coruña e as Câmaras portuguesas están tamén na liña de axudar á promoción desta ruta.

“Tódolos Concellos polos que pasa a Vía Mariana temos conciencia da súa importancia turística, cultural e relixiosa”

Acaba de cumprir o primeiro ano do seu segundo goberno municipal. Pode facer algún balance?
Satisfacción. Queda moito por facer e estamos adicando moitas horas de traballo para afrontar todas aquelas oportunidades que fun abrindo no mandato anterior. A grosso modo falamos de seguir avanzando en infraestruturas como a reforma no campo de fútbol, os nosos pavillóns municipais, potenciar o turismo, os servizos sociais como a Atención Temperá, o plan contra a violencia de xénero, a total transformación eléctrica do municipio e xerar novo solo industrial como o xa mencionado Novo Polígono Industrial da Zona Franca, o mellor axente comercializador que podemos ter. Sempre tamén actuando en coordinación coas administracións veciñas.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.