Como ocorrera nas eleccións municipais de 2015 e 2019, Xoán Carlos Montes Bugarín, ‘Calis’ volve agora a gobernar o Concello de Mondariz. Sen maioría absoluta, ‘Calis’ e o seu partido Alternativa por Mondariz (AporM) aseguran un goberno de acordos con tódolos grupos da Corporación Municipal pero sempre en clave galeguista e progresista.
De novo controlas o bastón de mando. O bastón é o mesmo pero non sei se tamén o mando?
Hoxe temos máis experiencia, máis coñecemento, sen dúbida. AporM non ten maioría absoluta e queremos pactar e acordar con todos os grupos con representación municipal, en particular cos que comparten con nós unha axenda en clave galeguista e progresista.
Convidamos ao PSdG-PSOE a entrar no goberno, pero non aceptou. Co BNG tamén queremos recuperar a nosa relación, que lamentablemente está danada por motivos persoais máis que políticos. Ao igual que nas eleccións de 2015 e 2019 as veciñas e os veciños de Mondariz falaron alto e claro: queremos un goberno encabezado por Alternativa por Mondariz que conte co apoio das outras forzas da esquerda. Con todo, eu son e serei o alcalde de todos, dos que me votaron e dos que non, como xa demostrei durante o meu primeiro mandato.
O goberno anterior despediuse solicitando un acordo para facer fronte ao déficit orzamentario. Como alcalde, que ten que dicir a isto?
Por diferentes razóns as ordenanzas fiscais están obsoletas e non permiten que os servizos que presta o Concello se autofinancien. Levamos máis dunha década sen afrontar ese problema e hai que solucionalo xa. Ningunha cafetería cobra o café ao mesmo prezo que hai dez anos, porque se vería abocada a pechar.
O Concello de Mondariz ten que actualizar as súas ordenanzas fiscais para que as taxas e impostos suban o xusto, para pagar polo custe real dos servizos. É a única maneira de que o Concello de Mondariz poida prestar máis e mellores servizos públicos, como fan o resto dos concellos. Para isto reclamo, desde xa, o apoio responsable do resto da corporación, con diálogo e xenerosidade.
“O Concello de Mondariz ten que actualizar as súas ordenanzas fiscais”
O tema da EDAR. Terá solución durante o seu goberno?
Confío en que así sexa. O domingo 18 de xuño, un día despois de tomar posesión, o novo alcalde de Mondariz Balneario (César Gil, BNG) e eu xa compartimos o noso primeiro acto, celebrando xunto coas empresas Augas de Mondariz e Balneario de Mondariz o 150 aniversario da declaración de utilidade pública das nosas augas. Non foi unha anécdota nin algo puntual, xa que organizamos ese evento incluso antes de tomar posesión.
Este vai ser un mandato do entendemento administrativo entre Mondariz e Mondariz Balneario. Voume dedicar en corpo e alma a tender sobre o río Xabriña a ponte que nos falta: a da colaboración e a do diálogo en mutuo beneficio, empezando pola depuración das augas residuais.
Mondariz está perdendo poboación, o que significa menos ingresos e máis gastos. Entendemos que podería ser unha solución a fusión con Mondariz Balneario. Que opina sobre esta cuestión?
Neste momento a fusión entre os dous Concellos non está enriba da mesa. Agora o que toca é facer o que non se fixo nunca: traballar conxuntamente en mutuo beneficio; falaremos da policía local, da axenda cultural, do turismo, da recollida de lixo, do mantemento dos paseos fluviais e da mellora da praia do Curuxón, etc. E sobre todo abordaremos o problema da depuradora, que será o primeiro que fagamos para garantir a conservación do río Tea, que é un tesouro natural, un dos monumentos medio ambientais con máis valor da comarca do Condado, que temos que coidar como merece.