Cadernos da viaxe.
O Congreso ven de aprobar cos votos do PSOE e a abstención do PP e UP o proxecto de lei audiovisual que inserirá no Dereito do Estado-e cunha demora de case dous anos- unha importante Directiva europea orientada con carácter xeral ao recoñecemento das excepcións culturais e lingüísticas europeas e á promoción das pequenas e medianas empresas neste sector.
“O texto aprobado o xoves 26-M concretou estas liñas xerais no sentido menos favorábel á diversidade lingüística e cultural”
Porén, o texto aprobado o xoves 26-M concretou estas liñas xerais no sentido menos favorábel á diversidade lingüística e cultural, ao fomento da creación cultural europea e á promoción das producións independentes. Ratificando outravolta a tese enunciada por Josep Plà no 1918, os políticos españois de esquerda demostraron ser os máis parecidos aos políticos españois de dereita e velai como:
i) O Estado español só lle esixirá ás produtoras que sobarden na súa facturación os 50 M€ un financiamento anticipado do 5% para obras audiovisuais europeas, fronte ao 12,5% que esixe Francia e o 20% que esixe Italia. Paira sobre este agasallo ás multinacionais do audiovisual o proxecto común dos partidos unionistas de facer de Madrid o grande “hub” audiovisual, de atraer producións e rodaxes, en prexuizo do audiovisual galego e da propia excepcion cultural europea.
ii) Desnaturalizouse nas dez de últimas, a medio dunha emenda pactada entre PP e PSOE, o concepto de “produtora independente”, en principio a tipoloxía de empresa que a Directiva europea definía para recebir a meirande parte do financiamento anticipado de obras audiovisuais europeas esixíbeis ás grandes produtoras. Agora o concepto fica deturpado e podería considerarse que inclúe empresas de feito absolutamente dependentes do duopolio audiovisual Mediaset (propietaria de Cuatro e Telecinco) e Atresmedia, titular de A3 e La Sexta. Ou sexa, foméntase a produción das multinacionais e do duopolio televisivo, arrumbando ás empresas independentes, case as únicas xersdoras de produtos no audiovisual galego.
iii) Só se contempla o financiamento directo da CRTVE e non da CRTVG e demáis canles autonómicas ás que tamén se lles impediu deducir o IVE soportado na adquisición de bens e servizos.
“Fronte esta clara tendencia recentralizadora cómpre recoñecer o traballo de organizacións cidadás como a galega AMesa e axentes profesionais do sector audiovisual galego”
Fronte esta clara tendencia recentralizadora cómpre recoñecer o traballo de organizacións cidadás como a galega AMesa e axentes profesionais do sector audiovisual galego, que conseguiron algúns éxitos parciais como a garantía do financiamento de obras audiovisuais en galego na TVE, un acordo de boas prácticas para o fomento da tradución das obras das grandes plataformas europeas e o recoñecemento da marxe competencial autonómica para introducir obrigas adicionais para son operadores do servizo televisivo no ámbito autonómico.