Hai ministerios nos que querer o teu país -poñamos por caso Galiza- está mal visto e convértete en disidente. Non fai falla ser un radical; se defendes o teu idioma e a túa cultura pasas a ser un perigoso activista que hai que neutralizar dun xeito ou doutro. Parece un chiste, porén para algunha xente é unha fonte de angustia e de amargura. Coido que a cousa suavizouse bastante, pero antes defender activamente o galego era simpatizar con ETA e ser un inimigo do Estado. Non sei canta xente foderían por ese suposto crime, porén coido que bastante. Desde o momento en que aceptas traballar para o Estado tes que aceptar que xogas fóra de casa, aínda que estés en Galiza, co árbitro comprado e sen ninguén a quen recorrer en caso de acoso ou de conflito. Tan só os compañeiros que queiran axudarte, xeralmente galegos coma ti. É esta unha irmandade invisíbel, pero que funciona en caso de necesidade. Non é normal e natural que un galego queira o seu país? Polo visto non. Para os féridos e duros é mostra de “traición” e de “fanatismo”. Así que temos que ser discretos e disimular… até que xa non poidas máis. O centro peninsular irradia centralismo e fascismo; tamén hai xente tolerante, porén faise notar máis a outra. Cantas veces ser normal foi delito? Como dicía Celso Emilio Ferreiro, pode o corpo ser vencido, pode o dereito ser torto, pero este lume que alampea, xamais o veredes morto. Por todo isto, axudaría moito que o Estado cumprise a lexislación vixente, pois non o fai. O art. 5.1 do Real Decreto 1465/99 que estabrece que o material impreso e os formularios en Galiza han de estar dispoñibles en galego. A Lei 11/2007, na súa disposición adicional sexta, que garantiza o uso do galego por medios electrónicos. E o artigo 36.1 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que estabrece que os procedementos tramitaranse na lingua que use o administrado e que non é necesario facer unha solicitude expresa. Cando a Xustiza fai xustiza é unha festa (lembremos a recente sentenza sobre o Pazo de Meirás) e teño esperanza de que algún día se faga xustiza…