O Porriño | Rematou a etapa de Eva García de la Torre como alcaldesa do Porriño. Tal e como prometera días atrás, a ata hoxe rexedora municipal anunciou a súa dimisión como alcaldesa este 23 de novembro, tras seis anos ao fronte da Corporación Municipal, cargo que ocupou dende 2015.
Nunha rolda de prensa realizada no Salón de Plenos da Corporación na que estiveron presentes os seus compañeiros de partido, do goberno municipal e varios veciños, Eva García de la Torre afirmou visiblemente emocionada que “esta dimisión é un servizo que presto ao meu pobo, ao meu partido e ao meu equipo”.
Expresou que, se ben “quero marchar en paz, sen odio nin rancor”, era evidente que tiña unha sensación de “amargura” polo desenvolvemento dos acontecementos.
Teresa Moure, a súa aposta para a alcaldía
No relativo aos procedementos legais pertinentes, anunciou que presentará a súa dimisión ante o rexistro municipal (foi realizada de inmediato tras finalizar a comparecencia ante os medios) e que proporá como a súa substituta ao fronte da alcaldía á Nº 2 do seu partido, Teresa Moure, á espera da cerimonia de investidura pero con vistas ao remate da actual lexislatura en 2023.
Debe lembrarse que, ata a investidura, Pedro Pereira, actual primeiro tenente de alcalde, pasará a ser alcalde en funcións. A dimisión de García de la Torre deberá ser validada polo pleno da Corporación Municipal, que deberá reunirse nun prazo máximo de dez días hábiles. Posteriormente deberá convocarse outro pleno municipal para a elección e toma de posesión dun novo alcalde ou alcaldesa, para o que tamén existe un prazo de 10 días hábiles, segundo a lexislación vixente.
“Creo que un ten que dar a talla á altura da súa responsabilidade como alcalde pero tamén cando se marcha”, afirmou García de la Torre. “Comparezco para presentar a dimisión. Non vou a ser o obstáculo para que un goberno progresista, de esquerdas e de cambio sega a gobernar no Porriño. EU-SON sinalou que presentaría a moción de censura ante notario. Por tanto, para frear esta operación orquestrada para derribarme, me echo a un lado”, asegurou a agora ex alcaldesa.
Debate político “tóxico e destrutivo”
Tamén tivo palabras de alerta sobre o nivel de radicalización do debate político. “O debate que se ten instalado na política en xeral, en Madrid e aquí especialmente, é tóxico, infantil e destrutivo”. Deu como exemplo o feito de que existe “unha jauría nas redes sociais que se amparan no anonimato para atacarme”. Continou asegurando igualmente que “a min, Esquerda Unida échame por unha chantaxe da que era difícil saír. Non hai un proxecto político alternativo para Porriño”.
Tivo críticas tamén para Alejandro Lorenzo, voceiro do Partido Popular no Porriño, e Eva Solla, Coordinadora Nacional de Esquerda Unida, quen prometera manter a gobernabilidade co PSdeG/PSOE pero que, ao final, rompeu esa promesa premendo pola súa dimisión “sen impoñer absolutamente ningunha condición ao Partido Popular”. Afirmou que “moito do que se fixo contra a miña persoa, da cantidade de denuncias, foi por vinganza e misoxinia. Non aceptan que unha muller diferente, que vén de afora, puidera facerse cargo disto. Me atacaron pola miña condición de ser muller, pola miña apariencia física, o meu peso e orientación sexual”.
“Fago autocrítica porque permitín deixarme arrastrar a ese debate tóxico. Pero permítanme que me reivindique porque fun a única persoa deste pleno que sempre que se ha equivocado, pediu perdón pública e persoalmente”, recoñeceu García de la Torre.
Seguirá coa acta de concelleira
Asegurou que seguirá sendo a voceira do PSdeG/PSOE do Porriño e que non renunciará a súa acta de concelleira: “eu non abdico da miña responsabilidade política. Eu fun elixida por 2.663 votantes, o 25% do electorado do Porriño” e que seguirá na Corporación: “vou cumprir co meu mandato como concelleira que me dieron os votantes do Porriño e que se senten representados por min. Sendo alcaldesa ou non”.
Saíu ás críticas sobre a xestión económica municipal asegurando que “o Concello queda con todos os servizos licitados e un remanente de tesourería de doce millóns de euros”. E tamén do seu labor en materia de emprego, “que cando eu cheguei ao goberno era do 27% e hoxe é do 8%”, así como da xestión social en tempos de pandemia.
Agradeceu ao Delegado do Estado para a Zona Franca, David Regades, á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ao seu socio de goberno BNG, ao pobo do Porriño “porque tiven o honor de representalo” e a todos os seus colaboradores “pola fidelidade do meu grupo político municipal”.