Tui | Dentro da campaña de promoción do comercio e do mercado local de Tui que está en marcha durante o período de rebaixas e Entroido ponse en marcha o sorteo dunha experiencia en establecementos tudenses. Trátase dun bono para unha experiencia dunha cea para dúas persoas en Emma Gastrobar e unha estadía dunha noite na Torre do Xudeu con almorzo.
Para participar as persoas interesadas deben deixar un comentario no post publicado nas redes sociais de Quero Tui en Facebook ou Instagram mencionando un produto que compra ou que recomenda para a súa compra no mercado ou no comercio tudense.
Débese nomear ao establecemento e pódese subir unha foto ou etiquetalo. Amais para entrar no sorteo débese etiquetar a dúas persoas no comentario realizado e usar o cancelo #QueroTui. O prazo para realizar os comentarios rematará o 14 de febreiro ás 23 h.
Entre todos os comentarios con recomendación que se axusten ao establecido nas bases farase un sorteo, o 16 de febreiro ás 12 h na Radio Municipal de Tui. O premio deberá disfrutarse entre o 1 de marzo e o 30 de xuño de 2024.
O sorteo ten coma obxectivo dinamizar a visibilidade e o consumo no comercio local. Forma parte da campaña de promoción do mercado e comercio tudense que o Concello de Tui está a realizar ao abeiro da subvención obtida na convocatoria da Secretaría de Estado de Comercio do goberno de España financiada a través do Plan de Recuperación,Transformación e Resiliencia (fondos NextGeneration).
PP critica a falta de prazas de parking
O grupo municipal do PP de Tui vén de censurar, no pleno municipal, a xestión do goberno socialista no proxecto de construción dun parquin subterráneo, cuxo contrato foi revogado pola corporación a proposta do alcalde malia ser o seu impulsor e que, paralelamente, siga sen dar solucións definitivas á falla de prazas de aparcamento mentres continúan a eliminalas do centro urbano.
O voceiro municipal, Nico Montes, criticou os cambios de postura do rexedor, Enrique Cabaleiro, nesta actuación, xa que “cando estaba en campaña, no ano 2019, tildouna de pelotazo financeiro inasumible, pero que curiosamente, chegado ao goberno poucas semanas despois, converteuna no seu proxecto estrela e impulsouno facendo caso omiso ás preocupantes advertencias dos técnicos municipais que avisaban da súa inviabilidade e do coste inasumible que supuña para o concello.
Nico Montes cre que a xestión dos socialistas no tema do parquin “foi nefasta, ineficiente e incompetente”, e que ademais dos malos inicios deste proxecto, o asunto “torceuse por completo cando o alcalde levantou un reparo en torno ao proxecto e decidiu continuar adiante aínda que contaba cunha forte contestación cidadá en contra”.
Pero os problemas seguiron, xa que se anulou a concesión á empresa gañadora do concurso e traspasouse á segunda mellor baremada, “que presentou os proxectos básicos e de execución dous meses despois para o Partido Popular de Tui inicio das obras pero que non obtiveron reposta do goberno tudense ata en dúas ocasións, algo polo que os socialistas deberían dar explicacións públicas.
En todo caso, os populares tudenses esixen a depuración de responsabilidades no seo do goberno local, chegando, se fora o caso, ata a figura do alcalde, posto que a rescisión do contrato vai supor un custo moi elevado para as arcas municipais que van ser pagados por toda a ciudadanía de Tui. Finalmente, lamentaron que “catro anos despois de todo este disparate sigamos sen ter unha solución ó problema do aparcamento e que ademáis sigan eliminando prazas do centro da cidade, sen contar cun plan de futuro e sen ofrecer alternativas, encontrándose agora nunha situación peor que a de fai catro anos”.