Sober | O chef Rafa Centeno, propietario do restaurante, con Estrela Michelin, Maruja Limón en Vigo, liderará a nova proposta gastronómica de Adegas Regina Viarum. A adega, situada nunha contorna natural única no corazón da Ribeira Sacra, aposta polo recoñecido cociñeiro lucense para dar un salto cualitativo na súa oferta culinaria e levar ao seu restaurante Vértigo todo o máis alto da gastronomía, converténdoo nun espazo de referencia para todos os amantes do viño, da boa cociña e do turismo.
Rafa Centeno atópase actualmente traballando no desenvolvemento do que será o seu proxecto máis esixente, coa idea de poder inaugurar o novo restaurante Vértigo nuns meses.
Como primeiro paso e co obxectivo de que os visitantes da adega poidan comezar a gozar da cociña de Rafa Centeno canto antes, o chef poñerá en marcha próximamente un wine bar que se situará na terraza do restaurante durante a época estival e que ofrecerá unha carta e un servizo desenfadados.
“Nacín en Lugo e para min a Ribeira Sacra é un dos lugares máis máxicos e espectaculares que existen, así que este proxecto resúltame especialmente motivador. É un privilexio poder traballar nesta contorna”, explica Rafa Centeno, que engade: “Quero apostar por unha carta baseada nos produtos da zona e onde o viño vai ocupar un lugar destacado, ofrecendo aos comensais a máxima calidade, como fixen sempre, e unha experiencia que evoque á historia da nosa rexión”.
En palabras de Iván Gómez, director das Adegas Regina Viarum: “É un orgullo poder camiñar da man dun dos mellores chefs do panorama actual. Coa experiencia e traxectoria de Rafa, estamos convencidos de que Vértigo se consolidará como un espazo gastronómico de referencia, non só na Ribeira Sacra, senón tamén en Galicia e en España, e que contribuirá a consolidar a oferta turística da zona”.
O restaurante Vértigo abriu as súas portas en novembro de 2022. Cunhas espectaculares vistas aos Canóns do Sil, está deseñado con materiais nobres e sostibles seguindo unha liña estética protagonizada pola vide e en harmonía coa contorna. O restaurante foi deseñado polo prestixioso arquitecto ourensán Juan Carlos Cabanelas.