A Coruña | Entre todas suman un feixe de liñas e pouco máis de setecentas palabras, pero abondan para abordar grandes temas universais da vida e da literatura. As nove historias premiadas no VI Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal, escritas por Nel Vidal (Ribeira, 1980), Nanda Misa (Vigo, 1978), Mónica Fraga (A Laracha, 1974), Andrea Bravo López (Ames, 2009), Mencía Jorge Cabaleiro (Vigo, 2006), Beatriz Martínez García (Teo, 2006), Ainhoa Valverde Silva (Baiona, 2012), Arwen Fernández García (Nigrán, 2014) e Mai Lemmen (Geldrop, Holanda, 2016), xa poden lerse na publicación dixital dispoñible nas páxinas web de ambas as institucións e do propio certame, relatos.gal, cadrando co acto de entrega dos galardóns (de entrada libre) que se celebrará esta tarde, a partir das 17:30 horas, na Fundación Luis Seoane (rúa San Francisco, 27 – A Coruña).
“O amor, o humor, a perda, a culpa, o acougo ou a ledicia están no miolo destes nove textos escritos por persoas de distintas xeracións, desta volta entre os 7 e os 48 anos. Malia a distancia xeracional entre unhas e outras, estes relatos son boa proba de que as formas de sentir, de se emocionar, de padecer e de gozar permanecen. E de que a nosa lingua é un poderoso vehículo de expresión que nos permite compartir calquera mensaxe que queiramos expresarlle ao mundo, ferramenta de comunicación que nos fai singulares e comunidade a un tempo, idioma da madureza, da mocidade e da infancia”, expresan os presidentes da Real Academia Galega e PuntoGal, Víctor F. Freixanes e Manuel González González, no texto de presentación da publicación que recolle os contos gañadores.
Os relatos premiados tamén serán publicados no vindeiro número da revista Luzes xunto aos once finalistas, entre os que se atopan autoras e autores xa recoñecidos en pasadas edicións do concurso ou con libros publicados e premios noutros concursos de escritura. Son José Nicanor Alonso Álvarez (Ourense, 1964), Suso Amboaxe (Melide, 1968), Fran Fernández Davila (Vigo, 1974), Laura Pilato Rodríguez (Ourense, 1996), Xesús Abalo (Pontecesures, 1976), Noa Costas Solla (Vigo, 2007), Paula García Villar (San Cristóbal de La Laguna, Tenerife, 2008), veciña de Vedra, Paula Domínguez Gabián (Antas, A Lama, 2005), Nerea Villanueva Fiel (Bueu, 2011), Daniel Saló Molés (Barcelona, 2013), residente en Vigo, e Marina Cabrera Vives (Tarragona, 2012), veciña de Castrelo de Miño.
Víctor F. Freixanes e o tamén académico Manuel González González entregarán os premios esta tarde canda a académica de número M.ª Dolores Sánchez Palomino, a académica correspondente Celia Pereira Porto e a técnica de PuntoGal Cristina Ríos, todos eles membros dalgún dos xurados que avaliaron as máis de mil historias presentadas ao concurso, e dos que tamén formaron parte o académico de número Gonzalo Navaza, o director xeral e a secretaria de PuntoGal, Darío Janeiro e Edita de Lorenzo, a xornalista Rosalía Macías Tarrío e o poeta, escritor e guionista Lois Pérez. No acto participará ademais Ana Luísa Bouza, en representación da revista Luzes.
Dous premios de persoas adultas para docentes do mesmo instituto
Nel Vidal (Artes, Ribeira, 1980) fíxose co primeiro premio na categoría de adultos, á que se presentaron arredor de 450 relatos, con “Deberes de lingua”, un texto de 67 palabras. O seu microrrelato consegue acompasar o léxico de dous campos semánticos distintos, buscando certa correspondencia entre eles, para reflexionar sobre o que significa compartir a vida. O autor foi técnico de normalización lingüística do Concello de Carballo durante quince anos, presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e director do Culturgal, e na actualidade dedícase á docencia de Lingua Galega e Literatura. Este curso impartiu aulas no IES Rego de Trabe de Culleredo, casualmente o mesmo centro onde exerce Mónica Fraga Rodríguez.
O segundo premio de persoas adultas foi para Nanda Costas Misa (Vigo, 1978), veciña de Nigrán, por “A foto”, unha emotiva historia de 196 palabras que viaxa a tempos pasados nos que a fotografía foi máis ca nunca unha forma de inmortalizar os seres queridos. Costureira e contacontos, a autora deste relato non entende a vida sen creatividade, “en forma de puntadas ou de palabras”. Adora a lectura, os contos e as lendas, e as pequenas historias de “case medo”, unha paixón que de seguro deixou pegada no seu relato.
Mónica Fraga Rodríguez (A Laracha, 1974), na actualidade veciña de Oleiros, fíxose co terceiro premio na categoría de adultos co relato titulado “Zen”, que consegue arrincar o sorriso con só 46 palabras. Licenciada en Física, é profesora de Tecnoloxía do mencionado IES Rego de Trabe, do que é a directora. Escribe de cando en vez, sempre por pracer e ás veces por necesidade -conta-, cando precisa facer limpeza na cabeza.
Tres gañadoras xuvenís de Ames, Vigo e Teo
Na modalidade xuvenil, á que concorreron case 400 mozos e mozas entre os 12 e os 17 anos, o xurado premiou as historias de tres mozas de Ames, Vigo e Teo. Andrea Bravo López (Ames, 2009), estudante do IES do Milladoiro, acadou a máxima distinción con “Querer”, o relato, con só 9 palabras, máis breve dos nove galardoados. O segundo premio é para Mencía Jorge Cabaleiro (Vigo, 2006), alumna do IES Castelao da súa cidade natal, por “Perda”, un texto de 191 palabras sobre o que vai quedando atrás na vida e a ferida que deixa; e o terceiro para Beatriz Martínez García (Teo, 2006), alumna do IES de Cacheiras, por “Cun pouco de azucre”, un relato que transmite unha chea de emocións desacougantes en só 85 palabras.
A categoría infantil contou coa participación de preto de 200 nenos e nenas de ata 11 anos. Ainhoa Valverde Silva (Baiona, 2012), alumna CPI de Cova Terreña, foi recoñecida co primeiro premio por “O meu irmán”, de 93 palabras; Arwen Fernández García (Nigrán, 2014), alumna do CEIP Humberto Juanes, recibiu o segundo por “O poema”, o segundo relato máis curto de todos os distinguidos, de só 11 palabras; e Mai Lemmen (Geldrop, Holanda, 2016), alumna do CEIP Castrelo de Miño, foi recoñecida co terceiro por “A gatiña saltarica”, de 40 palabras.
Relatos finalistas: autores con obra publicada e o pai dunha gañadora
Canto aos relatos finalistas, na categoría de persoas adultas foron seleccionados “A humillación”, de José Nicanor Alonso Álvarez, profesor de Matemáticas da Universidade de Vigo; “Amor externo”, de Suso Amboaxe García, residente en Chantada e profesor de Lingua galega do CPI de Rodeiro; “A canción pirata”, de Fran Fernández Davila, enxeñeiro de profesión, autor de tres novelas e un libro de poesía e pai orgulloso de Arwen Fernández, a gañadora do segundo premio na categoría infantil; “O fuxir da memoria”, de Laura Pilato Rodríguez, auxiliar técnica de veterinaria natural de Ourense e veciña de Vigo, quen xa fora finalista na edición anterior con “Confesión”; e “Un minuto”, de Xesús Abalo, científico de profesión residente en Estocolmo dende hai 16 anos e autor da novela Cara ao Norte.
Na categoría xuvenil as historias finalistas son “Síndrome de Estocolmo”, de Noa Costas Solla, alumna do IES Álvaro Cunqueiro; “Ser de pedra”, de Paula García Villar, veciña de Lestedo (Boqueixón), alumna do CPI de Vedra e gañadora, entre outros galardóns relacionados coa escritura en galego, do concurso de microrrelatos da Asociación Cultural San Campio de Vedra; e “O que nós somos”, de Paula Domínguez Gabián, veciña da Lama, que acaba de rematar o bacharelato no IES de Ponte Caldelas.
Na categoría infantil resultaron finalistas “Somos mulleres”, de Nerea Villanueva Fiel, alumna do CEIP Montemogos de Bueu; “O grande acerto” de Daniel Saló Molés, nado en Barcelona, veciño de Vigo dende hai seis anos e alumno do colexio Montecastelo; e “Sorpresa!”, de Marina Cabrera Vives quen, tras se instalar en Castrelo de Miño procedente de Cataluña, en 2022 xa foi a gañadora do segundo premio desta categoría con “Lingua adoptiva”.