A Coruña | A Real Academia Galega presentará o luns 6 de xuño Ideas para un plurilingüismo dende o galego no Concello de Ames na Casa da Cultura do Milladoiro (20:00 horas).
A guía responde á demanda de formación do profesorado sobre o tema que aborda, ofrece aclaracións conceptuais e propón estratexias de cara á planificación nos centros educativos.
A publicación, elaborada dende o Seminario de Sociolingüística da RAG coa colaboración de Bieito Silva e María López Sández, dálle continuidade á liña de traballo da Real Academia Galega e do Concello de Ames que deu lugar ao mapa sociolingüístico escolar do municipio e sae do prelo co apoio económico do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021-2022 da Xunta de Galicia.
Na presentación intervirán o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o coordinador do Seminario de Sociolingüística da RAG, Henrique Monteagudo; o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.