Pontevedra | O Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega presentou hoxe no pazo da Deputación de Pontevedra os resultados do proxecto de avaliación da competencia bilingüe nos idiomas galego e castelán do alumnado de 4º da ESO. O traballo permitiu constatar que, aínda que de xeito global a xeración Z ou dos centennials remata a secundaria obrigatoria cunha competencia aceptable nas dúas linguas oficiais, este retrato xeral oculta unha realidade ben diferente na que se constata un acusado desequilibrio en detrimento do galego. Mentres que o alumnado galegofalante amosa un dominio similar nos dous idiomas, máis dun 35% do castelanfalante ten unha escasa competencia en galego.
O dominio parello dos dous idiomas está, de feito, relacionado cun perfil de estudante que ten a lingua galega presente na súa vida cotiá, dende a familia ata a escola. Outro factor determinante é a titularidade do centro: o estudo conclúe que os centennials dos institutos públicos rematan a ESO cunha competencia semellante en ambas as linguas, en contraste co que acontece na rede privada, onde se gradúan cun dominio bastante máis deficiente en galego ca en castelán.
O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o coordinador do Seminario de Sociolingüística da Academia, Henrique Monteagudo; e a investigadora María López Sández, profesora da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e coordinadora do grupo de traballo do proxecto; xunto coa deputada de Lingua da Deputación de Pontevedra, María Ortega Iñarrea, expuxeron en rolda de prensa os principais resultados do estudo, desenvolvido co apoio da Deputación de Pontevedra e recollido nun volume dispoñible en versión dixital na sección de publicacións de academia.gal.
Medidas dentro e fóra da escola
A investigación –coordinada por Xaquín Loredo, técnico do Seminario de Sociolingüística da RAG, e Bieito Silva, profesor da Facultade de Ciencias da Educación da USC– replicou, con pequenos axustes, outra semellante realizada polo Instituto de Ciencias da Educación da USC no ano 2009. Ambas as dúas tiñan como obxectivo determinar o grao de cumprimento do obxectivo establecido na Lei de Normalización Lingüística de que o alumnado debe rematar a educación obrigatoria con capacidade para empregar de forma correcta, adecuada e eficaz as dúas linguas oficiais de Galicia. Unha década despois, esta nova análise pon o foco nos centennials, nados a comezos do século XXI e membros do primeiro grupo de poboación que se pode considerar verdadeiramente dixital.
Os resultados desta investigación poñen de relevo a importancia da escola para a adquisición das competencias escritas e o coñecemento do código, mentres que a lingua familiar se revela como o contexto de maior importancia para o desenvolvemento da oralidade. O presidente da RAG advertiu que o informe constata que o modelo lingüístico vixente no sistema educativo está consolidando os desequilibrios existentes no canto de compensalos e reclamou medidas de diversa natureza para reverter o retroceso do galego na mocidade.
“A Academia traballa con datos e estudos de campo sobre os que sostén as súas afirmacións e diagnósticos. Se os obxectivos estratéxicos da educación obrigatoria contemplan que se logre unha competencia plena nos dous idiomas oficiais, galego e castelán, a realidade evidencia unha situación que non podemos aceptar”, expresou Víctor F. Freixanes. “A Real Academia Galega considera prioritaria unha política activa de coñecemento, promoción e dignificación da lingua galega nos segmentos máis novos da nosa poboación, que son o futuro. Coidamos que é necesario unha revisión a fondo da actual política educativa verbo da lingua galega nos centros públicos e privados e desenvolver iniciativas para potenciar o uso do galego fóra das aulas”, salientou. “Non podemos aceptar a situación actual, que conduce na práctica a un abandono progresivo do galego. Por moitos discursos e moita retórica que fagamos, a escola segue sendo o alicerce do futuro do idioma, moi principalmente nos primeiros niveis do ensino”, concluíu.
A deputada de Lingua María Ortega subliñou que o traballo da RAG sobre a avaliación da competencia bilingüe é moi necesario para amosar “a realidade da saúde do galego” e que serve de base para adoptar políticas a prol do galego. Destacou a importancia de fomentar o uso da lingua en ámbitos da vida máis alá da escola, e manifestou que a Deputación de Pontevedra sempre apoiará as iniciativas daquelas entidades “que traballan na defensa da nosa lingua en ámbitos tan diferentes como a ciencia, a economía, o ocio, o dereito ou o deporte”, sobre todo cando os esforzos se dirixen á xente máis nova do país. “Hai que contar con este segmento da poboación porque é o futuro, é o que vai facer que a lingua se manteña, permaneza viva e se asente –agardamos- máis do que está”, dixo.
Na mesma liña, María López Sández resaltou que “o futuro da lingua se dirime no uso”. “De aí a importancia de que estea presente como lingua vehicular, non só como lingua que se estuda”.
“A avaliación da competencia bilingüe centrouse nas destrezas de produción oral e escrita, as que informan mellor sobre a capacidade comunicativa, e explorou de maneira complementaria a competencia léxica e gramatical”
A avaliación da competencia bilingüe centrouse nas destrezas de produción oral e escrita, as que informan mellor sobre a capacidade comunicativa, e explorou de maneira complementaria a competencia léxica e gramatical. Os resultados obtidos póñense en relación coas variables sociodemográficas, sociolingüísticas e escolares para comprobar o efecto que estas teñen sobre as competencias avaliadas. Por último, analizouse o perfil competencial do alumnado e a influencia que exercen na súa configuración a familia, o centro educativo e o contexto sociolingüístico.
Mellores resultados no rural e nos centros públicos
Case o 44 % dos preto de 600 estudantes de 26 centros de secundaria participantes na mostra sinalaron que tiñan tanto o galego como o castelán por lingua inicial, o 36,1% indicou o castelán e, nunha proporción menor, o 18,1% sinalou o galego. En canto á lingua de uso maioritario, case o 70% respondeu que fala única ou preferentemente o castelán, mentres que só fai un uso similar do galego o 30%.
O traballo describiu a presenza dun importante sector de alumnado cunha escasa competencia en galego. Esta debilidade atinxe fundamentalmente á capacidade para comunicarse oralmente e á comprensión léxica, e afecta sobre todo a mozos e mozas principalmente castelanfalantes que residen no urbano ou periurbano galego. A porcentaxe de estudantes con este perfil acada cifras entre un 35% para a competencia léxica e un 40% para a oralidade, se ben existen notables diferenzas de xénero na expresión oral, máis pobre entre os rapaces.
“Os datos recollidos nesta investigación e as análises realizadas non achegan cambios cualitativos en relación á investigación de 2009 que se tomou como referente, pero compróbase ata que punto se afirma e agudiza o desequilibrio detectado hai dez anos”, detalla Henrique Monteagudo. De maneira global, o alumnado amosa unha competencia máis alta en castelán ca en galego e constátanse ademais diferenzas importantes segundo o perfil lingüístico do alumnado, o seu hábitat (rural ou urbano) e a titularidade do centro en que estuda (público ou privado).
“Os datos recollidos nesta investigación e as análises realizadas non achegan cambios cualitativos en relación á investigación de 2009 que se tomou como referente, pero compróbase ata que punto se afirma e agudiza o desequilibrio detectado hai dez anos”
Segundo o perfil lingüístico, a mocidade galegofalante tende a unha competencia bilingüe máis equilibrada nas dúas linguas, mentres que na castelanfalante se constata a existencia dun perfil dominante en castelán nas competencias comunicativas orais, léxicas e gramaticais. Porén, a lingua habitual non afecta ás capacidades escritas da tamén chamada xeración Z.
Cando se relacionan os resultados co hábitat, a análise indica que, fronte ao prototipo de bilingüe equilibrado das zonas rurais, nas zonas urbanas e periurbanas as puntuacións dominantes son as do castelán, especialmente en expresión oral e na competencia léxica, o que se corresponde cun perfil de alumnado bilingüe con predominio do castelán, conforme se sinala nas conclusións.
Canto á titularidade do centro de ensino, os resultados son claros: non se manifestan diferenzas nas competencias en castelán, pero esta variable si que inflúe no dominio do galego. Arredor dun 55% do alumnado dos centros privados e un 40% dos concertados remata o ensino obrigatorio cunha aceptable capacidade para expresarse por escrito en castelán pero con problemas para facelo en galego, mentres que nos institutos de titularidade pública esta porcentaxe se reduce a menos da metade. “O alumnado de centros públicos remata o ensino obrigatorio cunhas competencias superiores en galego, incluso as subcompetencias comunicativas orais son máis elevadas no apartado de fonética e gramática”, detalla o estudo neste punto.
“En conclusión, o alumnado centennial ao final do ensino obrigatorio amosa o mesmo nivel de competencia comunicativa e académica en castelán nos centros públicos e privados, malia estaren estes últimos situados preferentemente en zonas urbanas e teren un alumnado maioritariamente castelanfalante. Por contra, a titularidade do centro si discrimina nas competencias en galego, xa que o alumnado dos centros públicos acada as mellores competencias nesta lingua nas capacidades comunicativas e de coñecemento do código”, subliña a análise, que chama a atención sobre o feito de que, malia estes resultados, non se atoparon diferenzas entre os centros privados e públicos nas cualificacións académicas obtidas en lingua galega e literatura e lingua castelá e literatura.