A Coruña | Vinte e nove contribucións sobre as Irmandades da Fala expostas no ciclo organizado pola Real Academia Galega co gallo do centenario da fundación deste movemento forman o novo volume editado pola Sección de Literatura da institución. No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos xunta as achegas dos relatores e relatoras que protagonizaron no segundo semestre de 2016 os encontros homónimos sobre un movemento que deu “un chimpo cualitativo e cuantitativo que fundamenta os principios da normalización” da lingua e que constituíu, en definitiva, un “capítulo fundamental para entender a realidade social e cultural da Galicia contemporánea”, recorda no limiar o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.
Organizado en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Xunta de Galicia, o ciclo percorreu A Coruña, Santiago, Pontevedra, Viveiro, Ourense, Lugo, Ferrol e Vigo abordando o significado das Irmandades nos campos da literatura, a lingua e a estética. O seu libro xunta reflexións, lecturas e propostas “para entender o significado das Irmandades non só mirando cara ao pasado, senón tamén para o presente e para o porvir”, explican na presentación os editores, Henrique Monteagudo e María Dolores Sánchez Vales. “Temos a certeza de que supoñen unha achega moi significativa para mellorar a nosa comprensión das Irmandades, e con ela, das tarefas que temos por diante para seguir facendo país”, conclúen.
O volume distribúe os textos en oito capítulos. Os catro primeiros céntranse en distintos xéneros literarios. O primeiro, “Oratoria e prosa non ficcional”, fórmano as achegas de Xesús Alonso Montero, Arturo Casas e Teresa López. Séguenlle “Novos vieiros para a narrativa”, coas contribucións de Dolores Vilavedra, Ramón Nicolás e Camiño Noia Campos; “Un novo teatro galego”, cos escritos de Laura Tato Fontaíña, Euloxio R. Ruibal e Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes; e “Unha poética anovadora”, cos relatorios de Xosé Ramón Pena, María Xesús Nogueira Pereira, Miro Villar e Xosé Luís Axeitos.
O quinto capítulo, “Reivindicación e modernización da lingua”, permite ler as contribucións de Rosario Álvarez, Antón Santamarina e Henrique Monteagudo. As achegas relacionadas coa prensa centran “A conquista do público”, que recolle os relatorios de Víctor F. Freixanes, Margarita Ledo Andión, Xan Carballa e Carme Vidal. Pechan o volume “Intelectuais, xornalistas, escritores”, coas achegas de Emilio Xosé Ínsua, Antón Costa Rico, Olivia Rodríguez González, Francisco Fernández Rei, Isabel Seoane e Manuel Roca Cendán; e “Imaxe e identidade”, coas de María Victoria Carballo-Calero, Pepe Barro e Siro López.
Antoloxías da Academia
O centenario das Irmandades da Fala protagonizou tamén os catro primeiros volumes da nova colección de antoloxías da Real Academia Galega, presentados no marco das mesas de debate: Irmandades da Fala: oratoria e prosa non ficcional, ao coidado de Henrique Monteagudo; O teatro nas Irmandades da Fala, a cargo de Laura Tato; Tempo das Irmandades. Antoloxía de poesía, editado por Xosé R. Pena; e Irmandades da Fala: narrativa, editado por Ramón Nicolás.