Vilanova dos Infantes | O presidente provincial, Luís Menor Pérez, asistíu á 21ª edición de Raigame, a romaría etnográfica que poñen en marcha a Deputación a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, o Concello de Celanova e a propia veciñanza de Vilanova dos Infantes, a quen Menor felicitou, “pois a meirande parte do éxito desta festa é grazas a vós”.
Na súa intervención, Luís Menor reivindicou que “debemos facer entre todos que Raigame sexa o eixo central de todas as celebracións do Día das Letras Galegas en Galicia”.
Menor definiu a Raigame como “un dos tesouros etnográficos da nosa provincia e, como tal, desde a Deputación mimamos esta cita como se merece, sendo un fiel reflexo da idiosincrasia galega, un xeito diferente para nos sentir orgullosos da nosa lingua, da nosa cultura e da nosa tradición”.
Tamén animou o presidente provincial aos asistentes “a disfrutar, viaxando no tempo”, cun protagonismo destacado para os doces, xa que este ano a organización adícalle esta romaría a unha actividade ou oficio con raíces na cultura popular, e nesta edición o protagonismo é para a Repostería, “cun especial recordo para “As isoliñas” e os seus bolos que tanto se lembran en Celanova”.
Por último, Menor Pérez agradeceu a todos os participantes “acudir a este referente da difusión e transmisión da cultura popular e tradicional para toda Galicia”, sinalando que asiste xente de todas as provincias galegas, así como de Zamora, León, Asturias e Portugal.
E tamén manifestou o seu agradecemento á organización “polo seu empeño de seguir subindo o nivel de Raigame ano tras ano, algo que non é fácil pero que gracias ao traballo ben feito supéranse en cada edición”.
O presidente da Deputación de Ourense tamén participou no descubrimento do selo conmemorativo de Raigame, deseñado pola Asociación Filatelia Miño de Ourense.