Ranchos ou Cadrillas, Danzas e Cantos de Reis.

Anxo Serafín Porto Ucha

Un ano máis, en chegado este tempo, encontrámonos coas cadrillas ou ranchos de Reis, coas súas danzas e cantos de Nadal. Veñen no solsticio de inverno, coa caducidade do ano e a esperanza no renacer. Trátase de danzas, moitas delas con antecedentes nos correspondentes ciclos agrarios, de procedencia celta ou precelta, algunhas de raíz guerreira, como a “danza de espadas”, con reminiscencias nas executadas polos lusitanos sobre a tumba de Viriato. Outras interpretacións insisten, en especial no que atinxe as indumentarias ou os nomes utilizados, na influencia das culturas indíxenas, relacionadas co descubrimento de América, a través das culturas ibéricas (España e Portugal), coma os panos de alfombra de lá cruzados, dobrados a catro puntas, os gorros de cintas e os espellos, que levaban os homes.

Pola Galiza adiante, dende o Museo do Povo Galego, Antón Fraguas evocaba en vida estas danzas de Nadal, a “danza de arquillos”, a “danza de palillos”, a “danza de castañolas”, ou a “danza de cintas ou de cubrir o pau”. Rivas Cruz, Mini e Mero lembrábannos en Raigame (1998) a bucólica paisaxe da chegada dos Reis, cos emocionados velliños na lareira, escoitando o acompañamentos de gaita e percusión, cambios de tonalidade, de ritmos, de tempo, efectos de glisandos e demais, namentres as bágoas baixan paseniño polas súas meixelas. No Cancioneiro Musical de Galicia, do redondelán Casto Sampedro, iniciado a finais do XIX e publicado en 1942, recóllese algunha destas interpretacións.

Pola nosa bisbarra, falabamos a propósito da publicación de A requinta da Ulla (2017), de Rafa Carracedo, da posibilidade de abordar traballos de base documental, de estudo de campo polas terras do Condado (Mondariz, As Neves, Ponteareas, Salvaterra, Salceda), pola Paradanta, Baixo Miño ou mesmo na antiga terra de Montes (Anceu, Cotobade, Forzáns, Pontecaldelas…), de músicas e letras, de paso ao pentagrama, analizando semellanzas e diferenzas.

“Centrada na riqueza cultural da parroquia, do noso lugar de procedencia, Guláns, Ponteareas, consérvase no conxunto da exposición permanente do Castelo do Sobroso unha agarimosa foto ou retrato de principios do século XX co gaiteiro de Sendín e os/as catro danzantes”

Centrada na riqueza cultural da parroquia, do noso lugar de procedencia, Guláns, Ponteareas, consérvase no conxunto da exposición permanente do Castelo do Sobroso unha agarimosa foto ou retrato de principios do século XX co gaiteiro de Sendín e os/as catro danzantes, entre eles o señor Manoel de Evaristo, que ao longo de moitísimos anos se encargou de ensaiar as danzas na varanda da súa casa. Entre os cantos de temática relixiosa, hai un, profundo e entrañábel, que se cantaba arredor dunha gaita, mellor dunha gaita tumbal, no dicir de Acuña na Gran Enciclopedia Gallega; Novoa, nunha colaboración en Faro de Vigo (6/1/1981) sinalaba que a letrilla de “Qué viva, qué reine” fóralle facilitada a don Ignacio Vidales Tomé, por Secundino Domínguez, de Guláns. Outros destacados nas danzas foron Pepe “Caseira”, ou antes o señor Edelmiro, avó paterno de Miro González Leándrez, que está a desenvolver hoxe un importantísimo labor de recolleita e transcrición. Na Festividade de San Xulián de este ano (7 de xaneiro) ofreceron dentro do templo parroquial o fermoso canto “A la puerta llora un Niño”. Súa nai, Celia Leándrez, foi tamén danzante na xuventude. Pola nosa banda, recollemos de Merche Boullosa Fernández, transmitida pola súa nai, Carme, tamén de Ganade (†), un belo e moi fino texto, de inspiración milagreira: “Camina la Virgen pura/, de Egipto para Belén”.

Bibliografía
Prego Rajo, Cándido M. e Porto Ucha, Anxo S. «Guláns. Unha parroquia que coida o seu acervo cultural (I e II)». Alameda, 66 (2023), pp. 33-36; 67 (2024), pp. 21-26.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.