A Coruña | O coruñés Raúl Mirás acaba de gañar o concurso convocado pola Sinfónica de Galicia que o converte no violonchelista principal, logo do falecemento de David Etheve. O músico ten unha ampla traxectoria, pois tocou
nas orquestras sinfónicas máis reputadas de Europa de países como Suíza, Alemaña ou Austria.
O mozo de 32 anos, nado na parroquia de San Vicenzo de Elviña, comezou a súa andaina con sete anos no conservatorio das Pontes, onde cursou o grao profesional, logo pasou polo Musikene de San Sebastián e cursou dous mestrados en Basilea (Suíza) e en Berlín. Profesionalmente, comezou na Orquestra Nova de Galicia e máis tarde tocou na Joven Orquesta Nacional de España (JONDE) e na Gustav Mahler Jugendorchester.
Posteriormente, foi academicista da orquestra de Radio Berlín e estivo un ano contratado pola Real Filharmonía de Galicia ata que acadou praza no Conservatorio de Zaragoza. Tamén foi mestre no Conservatorio Superior de Música de Aragón e en 2018 acadou por oposición o posto de chelo solista na Orquestra Sinfónica de Tenerife.