Ponteareas | A Casa Cultural de Couso xa está aberta para o goce da veciñanza. O Concello vén de rematar as obras de recuperación deste edificio de grande importancia para o barrio de Guláns, un inmoble construído en 1950 que se atopaba en moi mal estado.
Con estes traballos ademais de arranxar os problemas estruturais, leváronse a cabo tamén actuacións para a mellora da eficiencia enerxética da edificación, reducindo o consumo e a súa pegada de carbono.
Con esta rehabilitación do inmoble púxose fin ao mal estado de conservación dos elementos estruturais de forxados e cuberta, que obrigaba a manter o edificio apuntalado e pechado ao público ante o risco de derrubo. “Agora as entidades culturais xa poden desfrutar dun novo lugar accesíbel, cómodo e moderno co que seguir levando a actividade e a cultura a este barrio”, sinala a alcaldesa, Cristina Fernández.
Ao longo dos últimos meses, dotouse tamén ao espazo dunha nova cuberta, dunha nova escaleira interior entre a planta baixa e o primeiro andar e de dous aseos, un accesíbel e adaptado a persoas con mobilidade reducida, ademais de colocar novas instalacións de fontanaría, saneamento, electricidade, iluminación e calefacción, mellorando a eficiencia enerxética deste edificio. En toda a intervención tívose en conta a preservación do valor patrimonial do inmoble, con elementos característicos da arquitectura rexionalista do suroeste galego. Os traballos de recuperación deste espazo supuxo un investimento de preto de 150.000 euros, cofinanciados con fondos propios do Concello e con fondos europeos FEDER xestionados a través do IDAE do Ministerio para a Transformación Ecolóxica e o Reto Demográfico.