Real Academia Galega presenta o seu volume sobre “Toponimia de Carballo”

Da colección Terra Nomeada asinado polo filólogo Fernando Cabeza Quiles

Carballo | A voz vixoteira, emparentada co verbo vixiar ou con ver, non aparece nos dicionarios e semella ser un endemismo lingüístico propio das terras de Bergantiños. Refírese ás persoas que vixían ou vixotan os viandantes dende as fiestras das súas casas, e tamén é o nome dun lugar da parroquia de Rus, no concello de Carballo. Cóntao o filólogo Fernando Cabeza Quiles en Toponimia de Carballo, o último volume de Terra Nomeada, a colección divulgativa do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega sobre a toponimia do país, á que o autor xa contribuíra coa obra dedicada á toponimia da Estrada.

O novo título indaga na orixe e no significado de máis de 350 topónimos que designan as entidades de poboación de Carballo por orde alfabética, dende Agramaior, na parroquia de Lema, ata O Zarallo, na parroquia de Sofán.

A Real Academia Galega edita Terra Nomeada en colaboración coa Asociación de Onomástica Galega e co apoio económico da Deputación da Coruña. A colección ofrece ata o momento os estudos sobre a toponimia dos concellos de Agolada, da académica correspondente Luz Méndez; Ames, de Xosé Ramón González Boullón; Trabada, de Xulia Marqués Valea; Begonte e Rábade, de Paulo Martínez Lema; e os volumes da Estrada e de Carballo de Fernándo Cabeza Quiles. Todos eles poden consultarse en liña na sección de publicacións de academia.gal.

Do adxectivo substantivado vixoteira, -o non se atopa documentación mais ca no galego bergantiñán. Segundo explica Fernando Cabeza Quiles, adoita atribuírselles ás persoas, xeralmente de idade avanzada, que axexan dende as súas fiestras os transeúntes, e que o fan con moita precaución para non seren vistas. Este significado garda clara relación coas características do lugar que a mesma palabra nomea, xa que A Vixoteira se atopa nun lugar alto dende o que se pode vixotar ou vixiar unha ampla extensión de terra do val de Rus. Por este motivo, o filólogo suxire que o topónimo pode ter un significado similar ao da Esculqueira, nome de lugares altos dende os cales se poden esculcar ou vixiar tamén panorámicas vastas.

A lingua da zona tamén deixa pegada na toponimia carballesa a través das terminacións de nomes de lugares como Barís, Bas, Betrís, O Esmorís, Esteves, que dan conta do seseo en posición final que diferencia a fala deste concello, explica o autor. De igual xeito, a toponimia amosa exemplos de como o galego falado de Carballo emprega as terminacións -án(s) tamén para o feminino (a/s miña/s irmán/s, non a/s miña/s irmá/s), un trazo expresado na toponimia carballesa nos nomes de lugar As Chans e Vilachán, que no galego de Lugo e Ourense e mais nos do leste da Coruña e Pontevedra serían As Chás e Vilachá, compara o filólogo.