Pontevedra | O primeiro libro publicado por María Victoria Moreno, Mar adiante (1973), contaba a historia do Arroás, un barco convertido nunha escola afastada da rixidez do ensino da época na que os nenos e nenas aprendían as cousas importantes na vida. O tema escollido non foi casual, porque se María Victoria Moreno destacou como escritora tamén o fixo noutra das súas vocacións, a docencia, que exerceu transmitindo a paixón pola lingua galega e a literatura que ela mesma sentía. Con este mesmo propósito, a Real Academia Galega presentou hoxe da man da comunidade educativa do colexio de educación primaria Marcos da Portela o proxecto web Primavera das Letras dedicado á protagonista do Día das Letras Galegas 2018. En Pontevedra, na cidade na que, en 1963, comezou a súa historia de amor con Galicia.
Primavera das Letras fornece o profesorado de infantil e primaria, os pais e nais e o propio alumnado destas etapas de propostas didácticas e lúdicas, parte delas interactivas, arredor do universo vital e literario da homenaxeada. As actividades están deseñadas cun enfoque interdisciplinario e en relación con distintos contidos do currículo escolar para poder traballar na aula, ou na casa, non só aspectos lingüísticos e literarios, senón tamén contidos e competencias de coñecemento do medio natural e social, historia ou educación artística.
Tras as palabras de benvida da directora, Alicia Martínez, o presidente Víctor F. Freixanes e a académica Fina Casalderrey foron os encargados de presentar o proxecto no que foi o primeiro acto que celebra a institución dentro do Ano María Victoria Moreno. O evento contou tamén coa presenza da filla da homenaxeada, Begoña Llácer Moreno , e o seu viúvo, Pedro Ferriol, xunto a alumnos e alumnas, membros da ANPA e docentes dos centros educativos próximos (o IES Torrente Ballester, no que María Victoria Moreno ensinou na súa última etapa profesional, o IES Luís Seoane, a EEI Fina Casalderrey, o CEIP de Lérez e a UNED).
O propios nenos e nenas do CEP Marcos da Portela puxéronlle o ramo á celebración cunha homenaxe a María Victoria Moreno na que recitaron e dramatizaron distintos anacos da súa obra, desde versos de Elexías de luz a un fragmento do pregón que leu na Feira do Libro de Pontevedra de 2003.
A directora Alicia Martínez salientou, en nome do corpo docente, a admiración cara a María Victoria Moreno pola “súa paixón, o compromiso e a defensa a ultranza, en tempos realmente difíciles, da lingua galega”. “Agardamos que esta festa da palabra que hoxe celebramos xuntos nos invite a seguir con entusiasmo as súas pegadas no eido da lingua”, engadiu antes de concluír a súa intervención con versos da propia autora.
A ese entusiasmo dos e das docentes e á súa importancia referiuse tamén o presidente da RAG. “Aí está o corazón do futuro. A docencia consiste en comunicar emocións, comunicar coñecementos, comunicar valores, ser quen de compartir cos rapaces e rapazas unha maneira nova de ver o mundo. Nova quere dicir máis democrática, máis nosa. E, naturalmente, nesa viaxe está a nosa lingua”, expresou. Primavera das Letras é tamén un xeito de visibilizar estas achegas docentes a través do concurso Contádenos o voso Día das Letras. Na primeira edición, celebrada en 2017, máis de 80 centros educativos amosaron o traballo que desenvolveron arredor da celebración do 17 de maio co seu alumnado, propostas cheas de “creatividade, entusiasmo e entrega” dos e das docentes, puxo en valor Víctor F. Freixanes. O certame convocarase desta volta para compartir as iniciativas escolares arredor de María Victoria Moreno.
O responsable da Academia tivo ademais palabras de afecto para Begoña Llácer e Pedro Ferriol. Eles, e moitos amigos e amigas de María Victoria Moreno, hoxe “poden dar fe de canto fixo” a escritora, agradeceu Fina Casalderrey, coautora, xunto coa académica Marilar Aleixandre, dunha das biografías de María Victoria Moreno que saen do prelo este ano. A académica debullou as claves de Primavera das Letras, unha iniciativa que definiu como un xeito de “abrir as portas da Academia á xente nova e aos mestres e mestras”. “Porque desde a Real Academia Galega sabemos que onde máis se terma da fala é desde os primeiros anos, cos pequenos e pequenas, e tamén sabemos canto traballo hai dos mestres e mestras”.
Fina Casalderrey animou os cativos e cativas a coñecer a María Victoria Moreno a través de Primavera das Letras, pero tamén a lle render a mellor homenaxe posible lendo a súa obra. “Nela atoparemos anaquiños da súa alma”, salientou. Por último, recordou que ata este 2018 a RAG só homenaxeara no Día das Letras Galegas a outras tres mulleres: “A Academia está intentando ser sensible a esta inxustiza histórica”.
Incorporación continua de novos contidos
Os materiais de Primavera das Letras iranse publicando desde hoxe mesmo ata as vésperas do 17 de maio, día no que a RAG volverá a Pontevedra para celebrar o acto central das Letras Galegas 2018, que terá lugar no Teatro Principal. Na primeira ficha, María Victoria Moreno. Galicia como elección, acompáñase o alumnado nun percorrido polos principais fitos biográficos e literarios de María Victoria Moreno e propóñense actividades nas que aprender máis sobre como era a escola na súa infancia, animando os nenos e nenas a conversar cos seus maiores sobre aquela época. Na web está xa tamén dispoñible outra ficha descargable, Reescribir o mundo. A partir de tres obras de María Victoria Moreno, Mar adiante, A festa no faiado e Pan con chocolate, aborda temas como o dereito á educación, o valor da solidariedade ou a discriminación étnica.
No apartado de contidos interactivos, entre a oferta xa accesible pode atoparse un percorrido por espazos e protagonistas de Pontevedra, a cidade na que María Victoria Moreno se estableceu ao chegar a Galicia como docente nos primeiros anos 60; ou unha actividade que, aproveitando a etapa da autora como socia da libraría Xuntanza nesta mesma cidade, profunda no mundo e na historia destes establecementos. As mulleres que, coma ela, abriron camiños pola igualdade, a historia da nosa lingua, a cultura mariñeira, o lobo en Galicia, a xestión ambiental sostible ou as estrelas son outros eixes temáticos que se abordarán nos novos contidos que se irán publicando nas vindeiras semanas.