A Coruña | O pleno da Real Academia Galega reelixiu esta mañá a Víctor F. Freixanes como presidente da institución con 17 votos a favor e 3 abstencións. Acompañarano na nova comisión executiva Margarita Ledo Andión como secretaria, Fina Casalderrey na tesouraría, Marilar Aleixandre no posto de arquiveira-bibliotecaria e Henrique Monteagudo na vicesecretaría.
O equipo traballará nun proxecto de continuidade centrado no reforzamento do labor científico da RAG e da súa proxección social, pensando especialmente na promoción da presenza activa do idioma entre a xente nova. “A forza da Academia reside na súa condición de institución centenaria, na solvencia do seu traballo científico, centrado fundamentalmente na lingua, no seu compromiso insubornable coa cultura e co idioma do país, mais tamén na capacidade que teña para comunicar ese labor, poñéndoo ao servizo da sociedade”, salientou Víctor F. Freixanes ante o pleno.
Víctor F. Freixanes foi elixido presidente por primeira vez en marzo de 2017. O equipo de goberno que o acompañará nesta nova xeira reafirma o compromiso coa presenza cada vez máis activa das mulleres na RAG e será, por primeira vez na historia da institución, maioritariamente feminino. A catedrática de Comunicación Audiovisual e directora de cine Margarita Ledo Andión, arquiveira-bibliotecaria durante a presidencia de Xesús Alonso Montero, asumirá a secretaría ocupada ata o momento por Henrique Monteagudo, que continuará como vicesecretario. Seguirán tamén no equipo a ata agora tesoureira Marilar Aleixandre, desta volta como arquiveira-bibliotecaria, e Fina Casalderrey, que pasa a ocupar a tesourería. O presidente agradeceu a todos eles a súa implicación e tivo palabras de especial gratitude para Andrés Torres Queiruga tras completar oito anos no posto de vicesecretario.
“O equipo de goberno que o acompañará nesta nova xeira reafirma o compromiso coa presenza cada vez máis activa das mulleres na RAG e será, por primeira vez na historia da institución, maioritariamente feminino”
Na exposición do seu proxecto ante o pleno, que se desenvolveu presencial e telematicamente, Víctor F. Freixanes expresou a súa preocupación pola perda de falantes, sobre todo entre as novas xeracións. Insistiu así na necesidade de seguir avanzando nos proxectos que teñen a mocidade como protagonista, tanto para avaliar os problemas de transmisión xeracional do idioma e formular propostas de actuación como para promover o seu uso e o mellor coñecemento.
Nesta liña, nos vindeiros catro anos seguirase a procurar colaboracións con novos creadores audiovisuais, como as desenvolvidas nos proxectos Novas voces para a lingua ou a serie documental Xela Arias. A palabra esgazada; e a creación de espazos de divulgación da riqueza lingüística na Rede, entre outras iniciativas, ademais de avanzar en experiencias como a plataforma colaborativa de recollida de microtopónimos Galicia Nomeada ou o Portal das Palabras. “A lingua, en todas as súas manifestacións e demandas, é o noso principal activo. A súa continuidade nas novas xeracións de falantes, non coma un elemento arqueolóxico nin exclusivamente sentimental, senón como algo operativo, rendible cultural, social e economicamente, é un desafío que nos compromete e no que cómpre afondar”, concluíu.
“A RAG seguirá igualmente a traballar na proxección exterior do galego e tendendo pontes con outras linguas e culturas próximas, moi principalmente coa área lusobrasileira”
A RAG seguirá igualmente a traballar na proxección exterior do galego e tendendo pontes con outras linguas e culturas próximas, moi principalmente coa área lusobrasileira; e no fortalecemento das relacións con outras academias e institucións análogas na procura de obxectivos comúns.
A maior visibilización do traballo dos distintos seminarios da Academia, a posta en marcha do dicionario en liña castelán-galego e os traballos de dixitalización de fondos históricos do arquivo e a biblioteca da RAG e das publicacións propias serán tamén parte das actuacións estratéxicas do mandato que comeza. A institución confía ademais en afrontar neste período a rehabilitación da súa sede, na rúa Tabernas da Coruña, de acordo co proxecto financiado polo Ministerio de Cultura.