A Guarda | O venres 20 de xaneiro ás 17 horas, tivo lugar a reapertura do Parque infantil da Alameda da Guarda, tras concluír as obras de ampliación realizadas no mesmo durante os pasados días.
Estas obras tiveron unha inversión de 36.475’83€, a cargo do Plan Concellos 2016 da Deputación de Pontevedra. Consistiron nunha importante ampliación da superficie do parque infantil existente na Alameda, na dotación de caucho e na instalación de diversos elementos de xogo activo para os cativos e cativas da Guarda. Tamén se realizou a instalación de elementos para persoas discapacitadas.
Ademais, dende o concello da Guarda infórmase de que tamén se está a construír un novo parque infantil na zona de Sete Camiños que dará cobertura aos nenos e nenas de Netos, Tabolado, San Lorenzo, Estibada, etc. Estas obras forman parte do proxecto “Recunchos” que o grupo de goberno do Concello da Guarda está desenrolando en diversos lugares da vila, como foi a construción da Rampla do Pirún.
Con estas accións, os nenos e nenas da Guarda contarán cada vez con máis espazos de recreo e lecer adaptados á súas necesidades, como o Parque da Alameda, que volve abrirse ao público mañá pola tarde, convertido nun parque máis grande e renovado.