“Rebélate, fala galego”, nova campaña de Galiza Nova

Santiago de Compostela | Galiza Nova realizou unha rolda de prensa onde presentou a súa nova campaña nacional en defensa da lingua, baixo o lema “Rebélate, fala galego”. A parlamentaria Olalla Rodil, integrante da Comisión Permanente de Galiza Nova, apuntaba que “unha das cuestións que para nós é fundamental é potenciar o uso do galego entre a xente máis moza” ao tempo que amosaba súa preocupación pola situación do idioma.

 

Rodil salientou ademais o feito de que existe unha fenda xeracional, pois vemos como “as franxas de idade máis novas do noso país están abandonando case por completo o uso do galego”. Mais tamén remarcou que é posíbel reverter a situación, asegurando que “a única maneira de manter viva a nosa lingua e falala día a día”.

Pola súa banda, Alberte Fernández, Secretario Xeral de Galiza Nova, explicou que con esta campaña pretenden incidir en que “dar o paso de falar galego no contexto actual é un grande feito de rebeldía”. A intención desta campaña e achegar o galego a todas as mozas e mozos, para o cal realizarán unha campaña de concienciación por vilas e cidades de todo o país, onde levarán un photocall “animando á xente a falar galego”, ademais de realizar repartos informativos e actividades con figuras destacadas da cultura galega.