Reclaman en Ponteareas unha pista de atletismo de 400 metros

Unha manifestación fronte ao Concello pide ampliar a pista de atletismo. O goberno local e a Federación galega reuníronse cos clubes

Ponteareas | “Pista de Atletismo sí, pero non así”. Con esta proclama e portando camisetas verdes reivindicativas, unhas 80 persoas manifestáronse este 22 de febreiro diante do Concello de Ponteareas, convocados pola comunidade de atletas Taninos Runners Ponteareas, para esixir unha pista de atletismo de 400 metros e non de 200 metros con está previsto polo goberno local.

Na manifestación estiveron presentes a deputada polo BNG e ex Alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, e o voceiro municipal nacionalista Miguel Bouzó. Os organizadores da concentración animaron aos presentes a participar no pleno municipal a realizarse este 25 de febreiro, onde se tratará esta temática.

A continuación reproducimos integramente o comunicado enviado por esta comunidade de atletas de Ponteareas reclamando esta ampliación da pista de atletismo:

“Como cidadán, atleta do Concello de Ponteareas e membro do clube de atletismo Taninos Runners, póñome en contacto con vostedes para expresar a problemática que sofre a comunidade atlética neste concello. Para os que nos sexan coñecedores da materia, póñoos en contexto: O concello conta cun orzamento de nin máis nin menos que 1.5 millóns de euros para investir nunha pista de atletismo, o problema en primeira instancia foi que esa pista ía ser de 200m, motivo polo cal a comunidade atlética iniciou unha serie de reivindicacións para tentar paralizar ese proxecto e modificalo en favor de unha pista de 400m, que sería o lóxico, vendo os exemplos de concellos veciños nos que existen xa esas mesmas infraestructuras e están absolutamente infrautilizadas. Os motivos polos cales reixeitamos a pista de 200m foron expostos por diferentes vías, e sempre argumentados cunha base lóxica.

Dende o clube Taninos Runners mantivose unha entrevista telefónica có Presidente da Federación, no que él mesmo acabou recoñecendo que o máis viable sería facer unha pista de 400m. O problema é que o terreo no que queren construíla non conta có espazo suficiente para a mesma, cousa que non sería impedimento, xa que existe terreo dotacional abondo no que poder levar a cabo o proxecto sen limitacións e con vistas a poder ampliarse nun futuro, se fose preciso. Pois tras un novo e inesperado cambio de rumbo, todo isto promovido por unha reunión entre o Concello e o Presidente da Federación Galega de Atletismo, sorprendentemente o proxecto mudou, pero en favor dun módulo cuberto, xustifican dende o concello que en base ó asesoramento do Presidente, ó que nós nos preguntamos, gobernan para o Presidente da FGA ou para a ciudadanía?

As xustificacións que nos dan son as seguintes:
– “Responde á demanda da comunidade atlética”. A comunidade atlética o que demanda é unha pista de 400m, que sirva para o deporte local e para poder crear escola e ter un proxecto de futuro, un espazo polivalente para distintas disciplinas. O que sería unha xestión eficiente dos recursos económicos de tódolos contribuintes.

“Infraestructura pioneira na comarca, que situará a Ponteareas como referente do atletismo e favorecerá a formación de novas xeracións de deportistas”. Un proxecto totalmente inviable, tendo en conta que un módulo cuberto está destinado a un tipo de atleta moi específico, como pode ser velocistas ou saltadores, disciplinas que nin son demandadas nin practicadas por ninguén no concello. E a pesares de que o proxecto fraguase, qué futuro terían se non hai máis instalación que esta? Nin ningunha opción de mellora.

– “Espazo polivalente para o deporte e a convivencia, cunha zona de tiro deportivo cuberto, áreas de recreo para familias e vestiarios adaptados”. Áreas de recreo para familias? Vanse investir 1.5millóns de euros nunha instalación deportiva ou nun parque de bolas cun bar para que xoguen os menos e os papás tomen unha cervexa… Existen precedentes de concellos no noso país coa mesma problemática que a nosa, nos que, tralas protestas do colectivo atlético se mudou o proxecto en favor dunha pista de 400m, por exemplo en Montilla, Córdoba. (enlace á noticia [aquí])

Por outra banda, cabe sinalar que Ponteareas, conta cunha poboación de 23208 habitantes, concellos de menos habitantes que o noso, coma por exemplo Cervo (4184) ou mesmo a Estrada (20139) contan cunhas instalación deportivas acordes ás súas necesidades, polo que se pode considerar un agravio comparativo para nós.

Na miña humilde opinión, compartida con toda a comunidade atlética, para tomarse a molestia de decantarse por un módulo cuberto hai primeiro que coñecer a realidade social e deportiva da vila, e en segundo lugar antepoñer os intereses dos deportivas e sociais por diante de posibles intereses políticos, porque é a única explicación lóxica que atopamos ante este despropósito que queren levar a cabo. Mañá, martes 25 de febreiro, levarase esta decisión a pleno. Dende a comunidade atlética agardamos que non sexa demasiado tarde e as nosas reivindicacións poidan ser escoitadas.

Goberno municipal e Federación Galega de Atletismo reuníronse cos clubes
O Concello de Ponteareas garantiza a execución dun módulo de atletismo cuberto tras a reunión mantida co presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Pablo Sanmartín, así como cos distintos clubs deportivos de atletismo.

Esta infraestrutura, pioneira na comarca, responde á demanda existente na comunidade e permitirá a práctica do atletismo durante todo o ano, independentemente das condicións meteorolóxicas.

A alcaldesa, Nava Castro, destaca que esta decisión tomouse con base ao asesoramento experto da Federación e ao potencial desta nova instalación para fortalecer o atletismo local. “Tiñamos uns terreos dispoñibles con uso deportivo no Plan Xeral e a oportunidade de acceder ao plan extraordinario da Deputación que se tiña que presentar nun mes. Non podíamos deixar pasar esta ocasión para dotar Ponteareas dun equipamento inexistente e necesario”, subliña a rexedora.

Xunto co tenente de alcaldesa, Juan Carlos González, a alcaldesa recalca que a aposta polo atletismo responde a unha visión estratéxica: “A climatoloxía galega fai que unha pista descuberta teña un aproveitamento moi limitado, como ocorre noutras instalacións da comunidade. Unha pista cuberta garante adestramentos e formación deportiva os 365 días do ano, evitando que quede en desuso durante meses”.

O Concelleiro de deportes Luis Rodríguez aclara que será un espazo polivalente para deporte base e lecer e que a nova infraestrutura incluirá tamén espazo para a modalidade de tiro deportivo cuberto e zonas de recreo para familias, ademais de vestiarios adaptados ás necesidades das e dos deportistas.

O goberno municipal mantén a man tendida para garantir a mellor xestión deste novo equipamento e reafirma o seu compromiso de seguir traballando co tecido deportivo local e deixa clara a súa aposta polo deporte base e a creación dun área deportiva nesta primeira fase.

Ademais, lamenta que algúns sectores politicen a posta en marcha dun servizo que nunca antes existíu nin en Ponteareas nin na comarca, cando outras veces defenderon instalacións cubertas para garantir o acceso ao deporte todo o ano.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.