Estrasburgo/BNG | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, propiciou a participación dunha delegación galega no Intergrupo de Linguas Minorizadas da Eurocámara para falar dun dos principais obxectivos da Directiva Audiovisual da UE como é a pluralidade lingüística e a situación do galego en Galiza. ”É prioritario rematar coa discriminación do galego”, subliñou Miranda ao remate da xornada.
Esta discriminación foi debulladas desde diferentes perspectivas polos integrantes da delegación galega, composta polo presidente da Mesa Galega pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira; o vicepresidente da Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), Xosé Lois Ledo; a profesora e investigadora do Grupo de Estudos Audiovisuais da USC, María Soliña Barreiro; e a deputada no Parlamento Galego, Mercedes Queixas.
Así, Marcos Maceira, presidente da Mesa, ademais de sinalar que a lei española non ten en conta o artigo 12 da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minorizadas, nin a Directiva europea respecto á pluralidade lingüística, instou ao Parlamento europeo a que o informe sobre a aplicación da Directiva do Audiovisual asegure a igualdade de condicións para o galego e outras linguas en diferentes aspectos audiovisuais como as cotas de pantalla, o financiamento anticipado, ou a dobraxe. “Desde 2010 está prohibido utilizar o galego no ensino de matemáticas”, denunciou.
O vicepresidente de Agapi, Xosé Lois Ledo, pola súa banda, explicou os problemas que atopan os produtores independentes no seu traballo de creación de contidos e manifestou que a definición de “produtora independente” que recolle a nova lei estatal debe ser clarificada na directiva europea de servizos de comunicación audiovisual.
A profesora e investigadora María Soliña Barreiro relatou o traballo desenvolvido polo Grupo Estudos Audiovisuais (GEA) da Universidade de Santiago de Compostela, tanto respecto ás investigacións levadas a cabo como respecto ás súas recomendacións. Falou ademais, das emendas presentadas ao informe sobre a aplicación da Directiva Europea de comunicación audiovisual que debate o Parlamento Europeo.
Iniciativas no Parlamento Galego
O traballo do Bloque a favor do galego foi subliñado pola deputada Mercedes Queixas, quen comentou as múltiples iniciativas presentadas no Parlamento Galego en contra da discriminación da lingua galega, “iniciativas rexeitadas repetidamente polo PP”, denunciou.
Neste sentido amosou a preocupación do BNG ante os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística relativos ao uso do galego, que sinalan que “tras trece anos de política lingüística do Partido popular os nenos e nenas falan menos galego, menos inglés e máis castelán” e considerou que é necesario un Plan de Igualdade Lingüística no ensino e un Pacto Social polo Galego “co fin de reverter esta situación”.
No marco da xornada organizada pola eurodeputada do Bloque en Estrasburgo, a delegación galega tamén mantivo un encontro coa eurodeputada da ALE Diana Riba, integrante da Comisión de Educación e Cultura do PE e relatora polo grupo parlamentar da Directiva de Audiovisual europea. Ademais, a delegación reuniuse co Secretariado de Linguas Minorizadas e Rexionais do Consello de Europa para falar do retroceso que está atravesando a lingua galega.