Recoñecemento de fronteiras e convivencia entre Lobios, Arcos de Valdevez, Ponte da Barca, Montalegre e Terras de Bouro

Luís Menor referenda a “clara vontade histórica” de colaboración transfronteiriza da Deputación de Ourense con Portugal

Lobios | O presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, referendou hoxe a “clara vontade histórica” de colaboración transfronteiriza da Deputación de Ourense con Portugal, nunha relación que máis aló de liñas administrativas entre países “é unha oportunidade de desenvolvemento económico e social” para a provincia de Ourense, Galicia e o norte portugués.

Menor fixo estas declaracións en Lobios, durante o acto de recoñecemento de fronteiras e convivencia entre este municipio ourensán e as Cámaras Municipais lindeiras con Portugal: Arcos de Valdevez, Ponte da Barca, Montalegre, e Terras de Bouro.

Un acto anual que se celebra a un e outro lado da raia, correspondéndolle nesta ocasión a Lobios. Unha cita protocolaria que ademais de servir encontro periódico afianza a relación iniciada polos concellos no Tratado de Límites de Fronteira, datado no 29 de setembro de 1864.

Para o presidente do organismo provincial ourensán, encontros destas características son de gran importancia en tanto “a Raia non pode dar solucións diferentes para problemas semellantes que afectan a ambos os territorios”.

Coa alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez, como anfitriona dos representantes municipais lusos, o presidente da Deputación estivo acompañado tamén polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o director territorial de Medio Rural en Ourense, José Antonio Armada.

No encontro abordáronse cuestións como as comunicacións por estrada a través da fronteira da Magdalena, na OU-540, os proxectos incluídos na Agrupación Europea de Cooperación Territorial, e a captación de fondos europeos para afrontar aspectos que comparten ambos os territorios.