Mondariz | O Goberno municipal rematará o seu mandato cunha cifra récord de investimentos en modernización de infraestruturas e servizos públicos. O cambio a LED da rede municipal de alumeado pública é o investimento máis ambicioso, con case millón e medio de euros, pero tamén hai outros proxectos en marcha valorados en 530.000 € (senda fluvial de Laredo polo río Xabriña), 435.643 € (centro de ocio e deporte urbano do Campo da Minada) e 278.626 € (rehabilitación integral da escola unitaria de Redo). A estes investimentos extraordinarios súmanse os habituais, procedentes principalmente do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Entre os anos 2019 e 2023, o Concello de Mondariz destinou arredor de 4.865.593 € á modernización de infraestruturas e servizos públicos. Alén dos fondos habituais que se reciben da Deputación de Pontevedra no marco do Plan Concellos, o Goberno municipal aproveitou outras oportunidades de financiamento que xa existían antes de 2019 pero non se tiñan solicitado, como as axudas europeas para proxectos de aforro e eficiencia enerxética que se xestionan desde o IDAE (Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía) do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. No marco deste programa de axudas europeas, previsto naquel momento para o período 2014-2020 e orientado especialmente a concellos de menos de 5.000 habitantes, o Goberno municipal avogou por apurar a solicitude e presentala no ano 2020, coa finalidade de acadar financiamento europeo para a necesaria modernización da rede municipal de alumeado público e a rehabilitación enerxética de edificios públicos, como a Casa do Concello e a Escola Municipal de Música de Mondariz.
O cambio a LED da rede municipal de alumeado público dividiuse en catro proxectos que abarcan a totalidade do territorio e modernizan infraestruturas e servizos públicos por igual en todas as parroquias. Este investimento está valorado en millón e medio de euros e é, sen dúbida, o máis ambicioso e complexo do Goberno municipal. Os proxectos foron licitados nos últimos meses do ano 2022, e a empresa adxudicataria xa está traballando na execución do mesmo. Malia estar subvencionados nun 80% con fondos europeos, o Concello de Mondariz debe asumir o 20% do custo con recursos propios. “A contía deste investimento é enorme para un concello como Mondariz, pero o aforro enerxético estimado polos técnicos supera o 70% e poderemos amortizalo rapidamente mediante o aforro na factura eléctrica municipal”, explica Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.
Outros investimentos para a comunidade
Alén do cambio a LED da rede municipal de alumeado público e da rehabilitación enerxética de edificios públicos, o Goberno municipal impulsou destacados investimentos que terán impacto na comunidade e atraerán turismo.
A través dun convenio de colaboración coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) sacou adiante un proxecto de mellora e ampliación da senda fluvial de Laredo, polo río Xabriña, entre os barrios da Pedreira e do Escobeiro. Esta actuación está valorada en 530.000 €, dos cales a CHMS asume o 80%. No marco do plan de investimento público Reacción Pontevedra Provincia (ReacPon) da Deputación de Pontevedra, tamén veu respaldado o seu proxecto de rehabilitación do Campo da Minada coa construción dun centro de ocio e deporte urbano iniciada previamente co circuíto asfaltado de pumptrack sobre o antigo e deteriorado campo de fútbol de céspede artificial. Para esta actuación, valorada en 435.643,71 €, recibiu 392.079,34 € da institución provincial. Estes dous proxectos están actualmente en desenvolvemento e serán rematados antes de verán, previsiblemente.
Outros proxectos, con todo, xurdiron das propias demandas históricas da poboación. É o caso da rehabilitación integral da escola unitaria de Redo (Vilar), que está asegurada cun investimento de 278.626,94 € que vén das axudas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para a rehabilitación de edificios de titularidade pública (PIREP), no marco dos fondos europeos Next Generation.
A modernización require ter proxectos de futuro e actuar con decisión
“O Concello de Mondariz acumula un atraso considerable en modernización de infraestruturas e servizos públicos. Como concello de menos de 5.000 habitantes, temos un orzamento municipal limitado que non permite ir máis aló das cuestións do día a día, por iso é tan necesario ter proxectos de futuro, ser valentes á hora de gobernar e aproveitar todas as oportunidades de financiamento que haxa”, afirma Barros.
O enfoque do actual Goberno municipal respecto da xestión dos investimentos públicos contrasta moito co enfoque dos anteriores, máis centrado en actuar pouco a pouco e coas liñas de financiamento habituais da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra, principalmente a través do Plan Concellos. “Nós tamén realizamos investimentos anuais a través do Plan Concellos e do Plan Marco para a mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas. En melloras viarias destinamos uns 400.000 € soamente nos tres primeiros anos, e en 2022 concretamos un plan bianual de investimentos en camiños e estradas que ascende a 300.000 € e chega a case todas as parroquias”, comenta o alcalde de Mondariz. A través do Plan Concellos, durante os últimos catro anos tamén se investiron recursos na mellora da rede municipal de abastecemento de auga e saneamento, así como na xestión e recollida de residuos.