Recuperación da ponte medieval de Noceifas, símbolo da Cañiza

O Concello levou a cabo labores de limpeza e sinalización da súa contorna

A Cañiza | O Alcalde Luis Piña visitou a Ponte de Noceifas, na parroquia do Couto, en compañía da Concelleira Eva María Rivas e do técnico da empresa Pangea Ingenieria del Territorio Sln, Benito Lourido, quen explicou polo miúdo os detalles da intervención realizada nesta xoia do noso patrimonio civil e arquitectónico. Unha Ponte que hoxe é o símbolo da logo-marca do Concello baixo o lema: “A Cañiza, Adéntrate en Galicia”.

O proxecto denominado “Acondicionamento da ponte medieval de Noceifas”, cun investimento de 27.829,46 €, estivo financiado ao 100% pola Xunta de Galicia a través das axudas aos concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas no 2024.

Pangea Ingeniería del Territorio SLN foi a empresa adxudicataria encargada de realizar a obra, cun coste material de 25.119,06€, impostos engadidos, aos que se lle sumaron outros 2.710,40€ de honorarios para a redacción e dirección da obra, adxudicados a Jorge Lamas Bertolo.

Un total de 27.829,46€ para desenvolver unha actuación que contou con varias fases. A primeira realizada na propia Ponte Noceifas que consistiu nun estudio arqueolóxico e de restauración desta ponte medieval. Nesta fase tamén se acadaron os permisos necesarios en Patrimonio da Xunta de Galicia xa que se trata dun ben catalogado.

A 2ª fase dos traballos consistiron na limpeza completa da ponte eliminando toda a vexetación e os depósitos de terra. Para este actuación empregáronse cepillos suaves e ferramentas axeitadas para non deixar marcas na pedra, non podendo usarse hidro limpadoras ou cepillos metálicos.

Realizouse unha corta das árbores que estaban máis próximas á ponte para evitar a afectación da estrutura da mesma coas súas raíces. Tamén se recuperaron varias pedras do peitoril que caeran ao río e se colocaron na súa posición orixinal, baixo o estrito acompañamento dun arqueólogo.

Para completar a actuación instalouse un interesante panel interpretativo na contorna, no que se describe a propia Ponte e a importancia que tivo no comercio entre as zonas ribeireñas. Tamén se describe o papel e a importancia do Val do río Ribadil, como unha das principais vías de comunicación que empregaban os arrieiros para transportar o Viño dende o Ribeiro e outros moitos produtos dende as terras fértiles do Val do Miño ata as cidades de Pontevedra e Santiago. A nosa Ponte é un bo exemplo das infraestruturas fundamentais para as comunicacións no pasado, que hoxe caeron totalmente en desuso.

Por último neste panel interpretativo tamén se recolle unha breve descrición do oficio do arrieiro e como se construían as pontes medievais. Por outra banda e dentro da mesma actuación, colocáronse outros dous paneis promocionando o turismo do concello na entrada do cámping e na vila da Cañiza, nas que se promocionan as 5 rutas que forman parte da nosa rede de sendeiros así como enclaves turísticos.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.