O Courel | Persoal de diferentes brigadas da Consellería do Medio Rural adscrito ao distrito forestal VIII (Terra de Lemos) está a realizar labores de recuperación de zonas afectadas por incendios no Courel, na provincia de Lugo.
Trátase de traballos de mulching (acolchado) de palla, que se levan a cabo de acordo coas indicacións dos técnicos especialistas do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, que previamente realizaron a inspección, avaliación e localización das áreas de actuación preferente.
O obxectivo principal destes labores, nos que están participando tres brigadas do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios Forestais da Xunta, é o de protexer zonas concretas, para evitar erosións no chan. Neste caso, o plan de traballo abranguerá arredor de 106 hectáreas, fundamentalmente bagoadas e terreos da rede de drenaxe das pistas.
Nestas zonas afectadas polos lumes no Courel os técnicos do CIF de Lourizán constataron en xeral unha baixa ou moderada severidade do lume no chan, polo que non existe un risco alto de erosión. Así, na maior parte da área arborada as propias follas caídas proporcionan protección ao solo e mesmo se están notando rebrotes de vexetación. Ademais, os puntos de conexión entre as ladeiras afectadas polo lume e os cursos de auga conservan na súa maior parte a vexetación sen queimar, o que asegura unha atenuación dos posibles arrastres.