Tui | O Concello de Tui estivo presente na sinatura do histórico acordo de colaboración entre a Red de Juderías de España e a Rede de Judiarias de Portugal que tivo lugar este mércores en Plasencia.
Foi no transcurso da Asemblea Anual da Red de Juderías de España onde Fernando Pizarro García-Polo, alcalde de Plasencia, e presidente da Red de Juderías de España, e Antonio Pita, presidente da Cámara Municipal de Castelo de Vide, e presidente da Rede de Judiarias de Portugal, asinaron este histórico convenio de colaboración entre ambas as institucións co obxectivo de pór en valor o patrimonio común da pegada xudía e xudeoconversa en España e Portugal.
Este acordo impulsará e estreitará os vínculos culturais e emocionais existentes entre os dous países grazas á herdanza histórica conxunta en Sefarad, e cuxa separación en dúas nacións nunca serviu para distinguir á poboación xudía dun lado e outro da fronteira.
O convenio de colaboración, cunha duración de 4 anos prorrogables, contempla o compromiso de ambas as institucións de celebrar, cando menos unha vez ao ano, unha reunión institucional. Estes encontros servirán para desenvolver un programa de actividades comúns coas que promover un maior coñecemento do patrimonio xudeu das cidades integrantes de ambas as redes, tanto en ámbitos institucionais europeos e internacionais como, particularmente, en contextos onde existan comunidades xudías interesadas en conectar coas súas orixes sefardíes.
Inicialmente, este acordo busca impulsar iniciativas conxuntas de promoción, así como a participación en feiras internacionais e outras actividades culturais que axuden a mostrar un maior coñecemento da cultura xudía tradicional, histórica e presente na península ibérica. Como parte do obxectivo de cooperación territorial europea para desenvolver de forma conxunta o potencial dos territorios transfronteirizos, o acordo entre ambas as institucións contemplará a concorrencia, a través de candidaturas conxuntas, a concursos destinados a proxectos culturais, turísticos e de desenvolvemento e promoción económica.
A concelleira de Turismo de Tui, Ana Núñez, presente na sinatura do acordo destaca a importancia do mesmo e coma é de especial interese para Tui polo carácter transfronteirizo de Tui, ao tempo que salienta que se converte tamén nunha oportunidade para o traballo conxunto cos municipios portugueses para a posta en valor do legado xudeu desta zona da raia.
O convenio de colaboración conta co respaldo de institucións españolas e portuguesas, cuxos representantes participaron como testemuñas de honra durante o acto de firma do acordo: María Grilo, directora da Escola de Hostalaría e Turismo de Portalegre; Inmaculada Augado, xefa da área de novos produtos turísticos da Secretaría de Estado de Turismo do Goberno de España ; Branca Martín, presidenta da Asemblea de Estremadura; Adela Rueda, pola Dirección Xeral de Bibliotecas, Arquivos e Patrimonio da Xunta de Estremadura; José Antonio García, pola Subdelegación do Goberno en Cáceres; Uriel Macías, pola Embaixada de Israel en España; León Benacerraf, pola Federación de Comunidades Xudías en España; Mónica Sánchez, pola Fundación Hispanojudía; Esther Bendahan, polo Centro Sefarad Israel; León Shocrón, por B´nai B´rith Europa.
XIII Congreso Internacional Sefardí
Tui participará cun relatorio no XII Congreso Internacional Sefardí que se celebrará en Zamora do 1 ao 3 de xullo. Está organizado polo Centro Campantón, unha asociación fundada en 2013 co obxectivo de estudar, preservar e comunicar o legado xudeu da cidade e a provincia de Zamora.
A temática elixida para a XII edición do Congreso será Os sefardíes hoxe, aspirando a ofrecer unha visión ampla da presenza dos xudeus de tradición hispano-portuguesa na actualidade. Nesta nova edición do Congreso Internacional Sefardí participan estudosos e investigadores de España e Portugal.
Na sesión do próximo martes, 2 de xullo, Laureano Alonso Álvarez, profesor de latín do IES “San Paio” e Rafael Sánchez Bargiela, historiador e técnico do Concello de Tui, levarán a cabo o relatorio “O médico e filósofo Francisco Sánchez, aproximación biográfica”. Este acto servirá para presentar a tradución ao galego da principal obra de Francisco Sánchez, o libro “Quod nihil scitur” realizada por Laureano Alonso, e editada no pasado ano polo Concello de Tui co gallo dos actos do IV centenario da norte do médico e filósofo tudense.
Un segundo obxectivo da conferencia é a divulgación da figura de Francisco Sánchez, filósofo e médico do Renacemento de orixe xudeu converso nado en Tui en 1550, e un dos grandes filósofos da historia que adiantou o método científico, a dúbida permanente e a anatomía hai 500 anos. Igualmente, a conferencia mostrará o rico patrimonio xudeu de Tui, do que forman parte destacada a colección de sambenitos inquisitoriais expostos no Museo Diocesano e únicos en Europa.
Para a concelleira de Turismo e Patrimonio do Concello de Tui, Ana María Núñez Álvarez, esta presencia tudense neste Congreso Internacional Sefardí contribuirá positivamente á divulgación da egrexia figura de Francisco Sánchez, que segue inxustamente descoñecido, así como do relevante patrimonio xudeu e criptoxudeu que atesoura a cidade de Tui.