Redondela | O paseo da Xunqueira de Redondela, ás portas do Multiúsos, acolleu o acto de homenaxe aos veciños do municipio represaliados nos anos 40 e que acabaron no campo de concentración de Mauthausen. Antonio Piñeiro Otero, José González Vázquez e Olimpio Míguez Pazos foron asasinados neste campo de exterminio nazis, e Alejandro Lafuente Pose foi liberado polas tropas aliadas en maio de 1945.
O Concello de Redondela, en colaboración co Colectivo Republicano, celebrou este acto coa presentación do libro da historiadora e escritora María Torres “De Redondela a Mathausen” e a colocación de catro Stolpersteine, lastras da memoria, coas inscricións das catro vítimas redondelás.
Marcos Lareira, presidente do Colectivo Republicano, agradeceu o poio do Concello e afirmou que Redondela vive “un día histórico” coa colocación dos Stolpersteine. Estas pedras da memoria suman xa máis de 100.000 pezas en 27 países, “co Redondela xa forma parte do maior monumento descentralizado do mundo”.
A alcaldesa, Digna Rivas, sinalou que con este acto a instancia do Colectivo Republicano, Redondela “fai xustiza coa memoria destes catro veciños represaliados que estaban no esquecemento”. Advertiu que “se esquecemos o horror que supuxo o nazismo corremos o risco de que se repita”. Para Rivas é unha obriga “defender cada día a liberdade, a igualdade e todos os valores que representa a democracia”.
Tamén falou de memoria histórica Pedro Vieitez, do Colectivo, e fixo fincapé en que o fascismo segue vivo, “instalouse na nosa sociedade” mentres a poboación “acepta calquera noticia sen contrastar ou debater por pasotismo”. Advirte que son tamén mostras de fascismo cotiá sucesos que se dan en Redondela “coa sabotaxe do monumento aos asasinados polo franquismo no Alto da Concheira, a misoxinia de borrar o nome das asasinadas pola violencia machista no paseo da Xunqueira ou a desfeita da exposición Mulleres Conquistadoras”.
No acto participou a escritora María Torres, que asinou exemplares do seu libro e a poeta Andreia Costas, que fixo partícipe ao público dos miles de vítimas que aínda quedan por ser recoñecidas. O músico Seso Durán, que por un problema de saúde non puido interpretar o seu repertorio, interviu tamén para sinalar “a importancia destas iniciativas en tempos nos que axexan a insensibilidade e a ignorancia”. O acto contou tamén coa presenza da concelleira de Cultura Rita Táboas e o concelleiro de Infraestruturas Roberto Villar. A música correu a cargo de alumnas do Conservatorio Municipal.