Redondela | A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o deputado provincial Santos Héctor inauguraron este 27 de agosto os traballos de recuperación e posta en valor da contorna do Multiúsos da Xunqueira, no marco do Plan Concellos 2019 impulsado pola Deputación de Pontevedra, cun orzamento total de 47.120,99€.
A edil redondelá, acompañada do deputado provincial e membros da Corporación Municipal, achegáronse ao céntrico Multiúsos da Xunqueira para departir cos veciños e observar o acondicionamento dun espazo recuperado para a humanización, o ocio e a socialización, principalmente enfocado na mocidade que frecuenta este lugar lindante co río.
Este espazo conta actualmente con máis dunha ducia de bancos e mobiliario urbano e unha fonte e tense previsto habilitar luminaria central e puntos de recarga de móbil e zona Wifi acondicionados para o desfrute da veciñanza.
Precisamente esta zona está composta por un solo de xabre e vexetación ornamental que, ao mesmo tempo, funciona como delimitación de subzonas como o paseo e prazas. O proxecto tamén inclúe a reparación das escaleiras do Multiúsos e a reparación e mellora da recollida de augas pluviais.
A alcaldesa Rivas sinalou que esta “non é unha actuación illada, senón que responde a un plan global posto en marcha polo Goberno local, para recuperar espazos públicos para a cidadanía”.