Pontevedra | O departamento de Patrimonio da Deputación vai repartir 390.948 euros en axudas para proxectos de rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico cultural en toda a provincia. En total financiaranse 48 actuacións de posta en valor da riqueza patrimonial en concellos de todas as comarcas mediante a súa recuperación e mellora.
Na comarca do Val Miñor a axuda de Baiona (5.912 euros) destinarase á restauración da zona de mesas do parque da Palma; a de Gondomar (7.351 euros) a conservación e sinalización das escolas de San Cibrán, en Donas; a de Nigrán (14.247 euros), unha das máximas de toda a provincia, á posta en valor do Monte Castelo; e finalmente a de Oia (3.206 euros), a sinalización das igrexas de Mougás, Lourenza, Burgueira, Pedornes e Viladesuso.
Segundo explica a deputada de Patrimonio María Ortega, desde o ano 2016 a Deputación de Pontevedra conta estas liñas de subvencións que pretenden a restauración de bens inmobles de titularidade municipal que teñan un recoñecido valor arquitectónico, histórico, artístico, paleontolóxico, arqueolóxico ou etnográfico, ademais dos conxuntos urbanos, sitios naturais, xardíns e parques que teñan valor artístico, histórico ou antropolóxico.
Nesta edición o valor das subvencións aumentouse en 100.000 euros con respecto ao ano pasado, debido ao alto número de solicitudes. Entre os gastos subvencionables, a liña de axudas inclúe obras de conservación que teñan como obxectivo manter as características e os materiais orixinais do inmoble patrimonial; obras de restauración que teñan por obxecto a restitución ou a mellora da imaxe e a unidade do ben.
Obras de sinalización dos bens inmobles dos concellos no ámbito territorial da provincia de Pontevedra e estudos museográficos ou arqueolóxicos, coa información previa ao seu deseño, que sexan necesarios para elaborar os sinais; proxectos técnicos oficiais ou colexiados das actuacións que se leven a cabo; deseño e instalación de paneis informativos; e gastos de estudos museográficos e arqueolóxicos sobre os bens patrimoniais para a elaboración de paneis que recollan información precisa e veraz.
Os paneis interpretativos deberán utilizar materiais resistentes á intemperie e ao vandalismo e, ao mesmo tempo, harmonizar coa contorna. Os textos incorporados eberán redactarse obrigatoriamente en lingua galega, de maneira ordenada e clara, e serán validados por Servizos Lingüísticos da Deputación. No caso de que exista sinalización obsoleta, redundante ou deteriorada de titularidade municipal, esta deberá quitarse antes de colocar a nova.