Santiago de Compostela | A Asemblea Xeral, órgano supremo de goberno da federación, na súa reunión extraordinaria celebrada en Santiago de Compostela, á que asistiron catro das cinco asociacións adscritas, aprobou por unanimidade a renovación da maior parte dos cargos da Xunta Directiva
Con este cambio, a nova Xunta Directiva toma as rendas da Federación, trala dimisión de varios cargos da directiva anterior e o abandono de dúas das sete asociacións que formaban parte da federación (San Xoanciño de Ames, e Costumes de Cela)
A nova Xunta Directiva nomeada pola asemblea é a seguinte: Presidente: Carlos Henrique Fernández Coto Rianxo / A Estrada Secretario: José Luís Talavera Alfaro Ponteareas Tesoureiro: Paula Juncal Rúa Moaña Vogal: Martín Soto Lestao Burela Vogal: Josefa Martínez Vicente Rianxo Os acordos, acadados por unanimidade polos membros da asemblea da federación xa foron comunicados á Xunta de Galicia e ás outras entidades coas que hai unha relación de colaboración e xestión. A nova Xunta Directiva dirixirá o colectivo ata as próximas eleccións, que se teñen que celebrar antes de rematar o ano, ao transcorrer o prazo de catro anos establecido nos estatutos. O relevo xa se tramita no Rexistro de Asociacións.
Outros acordos adoptados
A asemblea xeral da federación acordou incorporar a tres novas asociacións: Asociación cultural Cunchas e Flores de Bueu, Asociación Alfombristas da Estrada e Asociación cultural Alfombristas de Ames, que xa presentaron a documentación necesaria para a súa incorporación inmediata á institución.
Outros acordos adoptados son a modificación da imaxe corporativa, que non convence a ningunha das asociacións adscritas, por entender que é rebuscada e complexa, e que non representa ao alfombrismo galego, tamén se cambiará o nome da federación, por entendermos que debe ser máis curto e máis representativo dos Alfombristas de Galicia, e o traslado da sede social a Ponteareas. Diversos expertos xa traballan nestes proxectos
Proxectos inmediatos
O primeiro proxecto que desenvolveu o novo equipo da Federación de Alfombristas de Galicia foi a Alfombra do Apóstolo 2023, na fachada norte da Catedral de Santiago (praza da Inmaculada, chegada do Camiño de Santiago pola Acibechería, fronte ao mosteiro de San Martiño Pinario).
Foi unha alfombra dedicada aos artistas e artesáns que participaron na construción da catedral, así como a outros oficios que acompañaban ao ambiente construtivo que marcou unha época gloriosa da cidade, como os músicos ou as costureiras que acompañaban aos canteiros. O tapiz tivo unha superficie de cen metros cadrados, nos que se integrararon distintos materiais da terra e do mar, dispostos en 60 texturas diferentes e utilizando máis de 80 cores distintas.
O deseño é da artista e alfombrista Paula Juncal Rúa, das alfombristas de Moaña, que se inspira nos códices, tratados e miniaturas da época da construción da catedral.
Nesta alfombra participaron máis de 60 alfombristas de asociacións como Alfombristas de Moaña, Alfombristas de Ames, Alfombristas de A Estrada, Burela Floral, Corpus As Monxas de Ponteareas, Cunchas e Flores de Bueu, Ondiñas Mainas de Rianxo, ou Alfombristas de Cerponzóns.
Festival Intercéltico en Moaña e Feira do Bonito en Burela
Prepárase unha alfombra para engalanar os actos do 39º Festival Intercéltico do Morrazo, que se celebrará esta fin de semana en Moaña. Co gallo da celebración da 37º Feira do Bonito, vaise facer un encontro de alfombrismo, no que participarán varias das asociacións (A Estrada, Burela, Bueu, Ponteareas), así como outras convidadas que farán alfombras individuais de 16 metros cadrados con motivos mariñeiros (xentes, oficios, fauna)
Bienal de Alfombrismo en A Estrada
É intención da Federación darlle continuidade ao primeiro encontro de alfombrismo de nadal que se celebrou na Estrada no 2021, con carácter bienal, no que participarían todas as asociacións adscritas á federación. Aínda non está pechado o evento, por necesidade de acordos co Concello da Estrada, tamén queda por establecer a temática deste ano
Ben de Interese Cultural
A Federación solicitará á Xunta de Galicia e ao goberno galego que declare “ben de interese cultural, BIC” as técnicas, o coñecemento e o oficio do alfombrismo, que se vén desenvolvendo en Galicia dende o ano 1323, en Ourense. Para iso, presentará o informe histórico e antropolóxico redactado pola antropóloga e arqueóloga Ana Filgueiras Rei, asociada Apatrigal, que relaciona o alfombrismo con todas as manifestacións e ritos relacionados coas flores e coas cunchas. UNESCO. Estamos atentos á declaración do Alfombrismo como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade na UNESCO, unha candidatura que xa foi aceptada polo citado organismo e que promoven varios ministerios, entre eles o Ministerio de Cultura do Reino de España.