A Guarda | Nesta última semana de marzo a OMIX da Guarda, dependente da Concellería de Xuventude, concluíu dúas das actividades que organizou durante o primeiro trimestre deste ano 2017.
Unha delas encádrase dentro da ampla acción formativa que, como cada ano, ofrece aos guardeses e guardesas. O curso de obradoiro de cociña sobre a elaboración de chocolates concluíu este mércores, 29 de marzo, tras tres xornadas intensas nas que os participantes puideron realizar chocolates con froitos secos, chocolates con crema e froita, pralinés e bombóns ou filigranas e decoracións; nunha actividade que tivo unha gran acollida.
Outra das iniciativas da OMIX que rematou esta semana foron as charlas sobre prevención do consumo de drogas. Estas encádranse dentro do esforzo que dende a Concellería de Xuventude se está a realizar para concienciar e previr o consumo de drogas. Para isto, ademais do traballo que fixo a asociación Érguete co alumnado de 1º da ESO dos centros educativos do municipio; organizáronse tres charlas, unha por cada centro de secundaria da Guarda. Nestas xornadas didácticas o psicólogo e terapeuta familiar Esteban Figueirido afondou neste problema e mostrou ferramentas e habilidades que podan axudar ás familias a tratar estes temas.
A primeira charla tivo lugar o pasado martes 31 de xaneiro no Colexio San José da Guarda. A segunda celebrouse o 14 de febreiro no Colexio PP. Somascos. E este martes 28 de marzo tivo lugar a última no I.E.S. A Sagriña, concluíndo así as actividades da OMIX nestes primeiros meses do ano.