Boborás | Gabriel Alén, delegado da Xunta, desprazouse ao concello de Boborás para comprobar da man da súa alcaldesa, Patricia Torres, o remate dos traballos de escavación e consolidación do Castro de Cameixa, nos que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade investiu na edición deste ano 12.705 euros.
O delegado territorial subliñou o compromiso da Xunta de Galicia coa posta en valor do patrimonio cultural e coa conservación dos diferentes restos arqueolóxicos da provincia de Ourense e da Comunidade.
Gabriel Alén explicou que os traballos consistiron na limpeza e roza, baixo control arqueolóxico, da vexetación da zona de actuación e a súa contorna máis inmediata, isto é, a parcela de actuación e acceso á mesma.
Tamén se desenvolveron traballos de escavación con metodoloxía arqueolóxica dunha área de aproximadamente duns 100 m2 que permitiu exhumar parte dos restos arqueolóxicos descubertos nas escavacións dos anos 40 do século pasado que posteriormente se diagnosticaron e as estruturas exhumadas foron debidamente consolidadas.
Tamén se levaron a cabo traballos de documentación fotográfica e planimétrica da área de actuación e das diferentes fases.
O Castro de Cameixa
O Castro de Cameixa sitúase no concello ourensán de Boborás, en concreto, na parroquia de San Martiño de Cameixa, lugar de Cameixa. Trátase dun castro de obrigada referencia na bibliografía especializada debido a que foi un dos primeiros castros que se escavou con certa metodoloxía arqueolóxica (anos 40 do século XX) e que aportou datacións absolutas de C14 que permitiron reformular os distintos períodos da cultura castrexa.
Presenta dous recintos amurallados e incluso outro antecastro máis exterior pero sen defensas ben definidas. Foi escavado nos anos corenta do século pasado por Florentino López Cuevillas e Xaquín Lorenzo Fernández deixando ao descuberto parte dun tramo de muralla xunto con dúas construcións circulares e unha cuadrangular. Froito da escavación exhumáronse restos cerámicos, pétreos, orgánicos (landras e legumes carbonizadas) e metálicos que abarcan un espectro cronolóxico que iría dende o século VI a.C. ata o I ou incluso II d.C.
Desde o ano 2018 estanse a levar a cabo campañas arqueolóxicas anuais para a posta en valor do dito xacemento: en 2018 procedeuse a seleccionar a zona de escavación partindo dos debuxos de Xaquín Lorenzo co gallo de localizar e exhumar os restos de estruturas que se rexistraron nas escavacións dos anos corenta, cuadriculando unha zona duns 100 m2.
No ano 2019 procedeuse a seleccionar a zona de escavación cuadriculando unha zona duns 120 m2 (escavando unha superficie de 80 m2), e continuando coas xa escavadas no ano 2018. No ano 2020 procedeuse a cuadricular uns 80 m2 e continuouse cos restos estruturais atopados en 2019.
O obxectivo era por un lado, completar o peche da estrutura cuadrangular que se superpón á circular no sector norte e por outro lado ampliar a escavación a unha zona non escavada por Xaquin Lorenzo co fin de definir/comprobar datos estratigráficos e de materiais necesarios para seguir avanzando na investigación deste xacemento.